ALCALDÍA

Perfílanse os últimos detalles do Foro Mundial de Educación

20/04/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi a Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz e do comité organizador do Foro Mundial de Educación, en decembro de 2010. No encontro tamén participou Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, a outra entidade promotora do evento.

Mayor Zaragoza e Dios explicáronlle ao alcalde os detalles do Foro 2010, que conta co apoio do Concello de Santiago e que se celebrará do 3 ao 15 de decembro. O eixo principal deste evento é o Foro Mundial de Educación, que terá lugar do 10 ao 13 de decembro no Auditorio de Galicia e no seu contorno universitario.

Este Foro é un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ONGs e outras organizacións da sociedade civil. O programa articularase en torno a catro grandes eixes temáticos: cultura de paz, educación para a paz, investigación para a paz e Alianza de Civilizacións e Obxectivos do Milenio. Combinaranse relatorios e mesas redondas, con talleres de experiencias e presentacións abertas.

Pero arredor deste Foro celebraranse tamén en Santiago outros eventos coma un Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos, os días 7 e 8 de decembro. O obxectivo deste encontro é por de manifesto a importancia do dereito e acceso á información, así como o uso das tecnoloxías da información e da omunicación para a defensa e promoción dos dereitos humanos.

Outra das actividades será un Congreso Internacional sobre Memoria Histórica, Reconciliación e Cultura de Paz, o 14 e o 15 de decembro no Palacio de Congresos. Aquí, especialistas mundiais no estudo histórico e xurídico dos procesos de paz e reconciliación analizarán en perspectiva as diferentes experiencias no referente á superación de conflitos bélicos e ditaduras, así como ás políticas levadas a cabo dende os diferentes gobernos.

Ademais, celebrarase un Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á Paz. Neste caso, do 9 ao 10 de decembro, obxectivo é debater e aprobar entre os representantes da sociedade civil o texto final dunha declaración universal do dereito humano á paz, que será presentado ante as Nacións Unidas (Consello de Dereitos Humanos), para invitar aos Estados Membros a iniciar a codificación oficial do dereito humano á paz. Tamén se invitará á sociedade civil a aprobar os Estatutos do futuro Observatorio Internacional do Dereito Humano á Paz.

Paralelamente, en diferentes espazos da cidade, terán lugar exposicións de pintura, fotoxornalismo, cinema, literatura ou banda deseñada sobre o tema da guerra e a paz, ademais de diversas actuacións musicais.

Direcciones relacionadas



Compartir: