PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Xornada "Emprende en Compostela" chega á súa quinta edición o 18 de maio

20/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a V Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 18 de maio no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia. O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa 2010, que depende do Servizo de Apoio á Empresa, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago.

O encontro está dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos, ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dun negocio, e ás empresas de Compostela que precisen promocionarse e darse a coñecer no mercado. A asistencia é de balde.

Este ano a xornada conta cunha novidade: un triplo espazo publicitario gratuíto para as empresas de Santiago. Poden promocionar os servizos e produtos que ofrecen de tres formas: en soporte papel, mediante folletos informativos; en soporte audiovisual, mediante anuncios; ou a través de presentacións comerciais duns dez minutos, realizadas por algún representante da empresa. As empresas interesadas poden inscribirse, ata o 3 de maio, nos formularios habilitados para cada unha das modalidades na páxina web www.maiscompostela.org. Unha vez realizada a inscrición, o persoal da Concellaría de Promoción Económica indicaralle a forma de presentación do material promocional.

Competitividade e innovación
Baixo a denominación de Competitividade e innovación para o emprendemento e o crecemento empresarial, o programa desta quinta edición foi deseñado tendo en conta o actual contexto económico, intentando adaptalo, o máis posible, ás demandas de información e ás necesidades actuais das persoas emprendedoras (utilización de novas tecnoloxías, innovación, estratexias para gañar competitividade, etc.) detectadas pola Concellaría de Promoción Económica a través do Servizo de Apoio á Empresa. Durante a xornada repartiranse lapis de memoria de 2 GB con información sobre oportunidades de negocio, constitución de novas empresas, estudos de viabilidade, estatísticas da evolución económica da cidade, etc.

Igual que en edicións anteriores, o programa de actividades está concibido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas inscritas na xornada poderán participar en distintos obradoiros para o emprendemento; coñecer as estratexias para emprender e mellorar a competitividade empresarial; saber cales son os retos que debe afrontar un/unha emprendedor/a tecnolóxico; coñecer, a través dun panel de experiencias, como construír e financiar proxectos empresariais; e coñecer as axudas á creación e consolidación de empresas do programa Compostela Activa 2010 e a experiencia de Abastos 2.0, Premio Xuventude do Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2009. Igual que en edicións anteriores, celebrarase unha comida-encontro entre emprendedores/as recentes e técnicos/as, enmarcada na Rede de Cooperación Local, un programa que ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial e empresarial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a USC.

Aberto o prazo de inscrición
A información sobre a xornada e o formulario de inscrición atópanse na web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org. O prazo para apuntarse está aberto e finaliza o 14 de maio. Se a algunha persoa non lle da tempo a inscribirse pode facelo o mesmo día do encontro no expositor de Promoción Económica, onde se entregarán as credenciais. Para a asistencia á xornada fretaranse dous autobuses gratuítos con saída dende o Campus Sur e dende o Campus Norte cara o Pazo de Exposicións e Congresos.

Ademais, instalarase un Punto de Asesoramento para Persoas Emprendedoras, no que se ofrecerá, igual que no lapis de memoria, información sobre oportunidades de negocio; creación, constitución e desenvolvemento de empresas; iniciativas locais de emprego; e sobre o Servizo de Apoio á Empresa. Neste punto a USC informará sobre empresas de base tecnolóxica e a Cámara de Comercio sobre viveiros empresariais. Pola súa banda, as distintas entidades colaboradoras contarán con expositores nos que promocionarán os servizos e produtos que ofrecen relacionados co emprendemento, a creación, e a consolidación de empresas. Tamén se habilitará un espazo con acceso a páxinas web e consulta on line dos principais recursos de apoio ao emprendemento que se poden atopar na rede.

No acto de presentación da Xornada tamén estiveron presentes Enrique Vila, técnico de Avaliación e Diagnóstico do C.E.E.I. Galicia S.A.; o membro da Deputación da Coruña, o deputado Xoan Manuel Cabo; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Jesús Asorey; o Xerente de UNINOVA-USC, Gustavo Marcos; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel; o presidente de AJE Marineda, Daniel Ramos, e a presidenta de Em-Rede, Eva López, entidades que colaboran, xunto a La Caixa, Caixa Galicia, IGAPE e Afigal, na organización do encontro.

Compartir: