ALCALDÍA

Máis de 600 escolares e veciños visitaron o Concello na Xornada de Portas Abertas

20/04/2010 O pazo de Raxoi, sede da Administración Local, celebrou a xa tradicional Xornada de Portas Abertas. Neste día, no que se conmemoraba xa o XXXI aniversario das Corporacións Democráticas, todos os composteláns e tamén os visitantes que quixeran coñecer por dentro o Concello podían achegarse ás dependencias municipais sitas na praza do Obradoiro.

Con esta xornada pretendíase achegar a Administración Local aos cidadáns, e que puideran coñecer de primeira man o seu funcionamento. A entrada ao Concello foi libre e houbo monitores tanto pola mañá como pola tarde para guiar a aqueles que quixeran saber máis sobre a Casa do Concello.

Ao longo da mañá xa foron pasando polo Pazo de Raxoi, en visitas organizadas, varios grupos de escolares e veciños. Algúns destes grupos, ademais de polos propios monitores, estiveron acompañados na súa visita polo concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, que lles explicou o funcionamento do Concello.

Participaron nestas visitas organizadas os centros escolares, Xelmírez I, Pío XII, Lamas de Abade e Peleteiro, a Asociación Down Compostela e a Asociacion de Veciños "Brañas de Andrés". En total, 620 persoas.

O Pazo de Raxoi
O Pazo de Raxoi sitúase na praza do Obradoiro, xusto fronte á catedral, e na actualidade é sede do concello de Santiago e do Goberno autonómico. Responde ao estilo neoclásico francés. A súa fachada principal estrutúrase segundo un esquema simétrico ordenado a través dun frontón central triangular e dous frontóns semicirculares laterais que descansan sobre columnas xónicas. O frontón central posúe un relevo no que se representa a batalla de Clavixo e que cubre o tímpano sobre o que se asenta a figura de Santiago o Matamouros, esculpida por Xosé Ferreiro.

O edificio foi obra dun enxeñeiro francés do século XVIII e a súa construción débese a un encargo do arcebispo de Compostela Bartolomeu Raxoi e Losada. Na orixe, o edificio destinouse a cárcere e concello ademais de albergar os nenos do coro da catedral, os acólitos e os sacerdotes.

A situación deste pazo, veciño do Hostal dos Reis Católicos –antigo Hospital Real– xerou, nos anos da súa creación, non poucas polémicas e litixios. O administrador do Hospital Real por aquel entón opúxose á construción deste edificio argumentando que privaba de ventilación e luz natural o Hospital, ademais de impedir que tivese unha ampla zona para a saída e entrada dos doentes.

Compartir: