CIDADE

Compostela Patrimonio da Humanidade, 20 anos despois

05/12/2005 Ser unha realización artística única, exercer unha indudable influenza nun período da historia e nun ámbito cultural, desenrolando a arquitectura, a arte e a organización do espacio, e estar directa e profundamente asociada a acontecementos, ideas ou crenzas que teñen unha significación universal excepcional." Estes foron os principais valores que tivo en conta o Comité Intergubernamental para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, para incluír a Santiago de Compostela na lista de Cidades Patrimonio da Humanidade. Isto sucedeu un 4 de decembro, hai ahora vinte anos.

O 4 de decembro conmemórase o vixésimo aniversario do recoñecemento de Compostela como Patrimonio da Humanidade. Despois de dous días de deliberacións, nesa mesma data en 1985, o Comité aprobaba, en París, a solicitude de Santiago por unanimidade, sen necesidade de debate, suxerencia ou pregunta por parte de ningún dos membros do Comité. España convertíase así no terceiro país con maior número de bens culturais e naturais inscritos como Patrimonio Universal, tras Francia e Estados Unidos.

Xerardo Estévez, alcalde da cidade nese momento, explicaba que "cando o arquitecto de Icomos (organismo asesor da Asemblea) salientou a honra que para a UNESCO supoñía dar acollida á solicitude de Compostela, o que se estaba a facer era un acto de fe nunha cidade que, evidentemente está na mente de tódalas culturas, occidentais e orientais, porque expresa, sen lugar a dúbidas, un proxecto moi importante: a construción da Europa moderna"

Vinte anos máis tarde Santiago segue sendo un punto de referencia e de encontro para persoas de diferentes culturas e relixións.

Como manifestaba Xerardo Estévez, "esta decisión é de gran importancia para o conxunto histórico de Santiago... e tráenos unha maior responsabilidade". Os países menos desenrolados con conxuntos artísticos susceptibles de ser recoñecidos como "propiedade pública da humanidade" non son incluídos na lista porque os gobernos non teñen os medios, sobre todo económicos, necesarios para facer fronte ao mantemento do seu patrimonio nos termos esixidos pola Unesco Segundo o daquela alcalde compostelán este recoñecemento supuña para Compostela vantaxes derivadas "da entrada nun organismo internacional que ten becas e diferentes tipos de axudas".

Para o mantemento deste recoñecemento Estévez manifestaba que era necesario "implicar ao maior número de administracións, de persoas e de xentes". A repercusión máis importante dese nomeamento foi poder contar cunha partida dos Presupostos Xerais do Estado destinada á rehabilitación e conservación dos monumentos. As cidades Patrimonio da Humanidade Mundial disfrutan de becas para a formación de técnicos e persoal especializado.

Nos días seguintes á proclamación de Compostela como Cidade Patrimonio Mundial da Humanidade, foron moitas as personalidades do mundo político, económico, social, relixioso e cultural que manifestaron a súa satisfacción por ese nomeamento. Todos coincidiran en sinalar que era o resultado dun "traballo eficaz". Antonio Fraguas, que naquel momento era o director do Museo do Pobo Galego, pedía aos composteláns que agradeceran e recoñeceran o privilexio desta declaración e apelaba á responsabilidade individual para o mantemento do patrimonio artístico da cidade. O delegado do Goberno en Galicia, Domingo García Sabell, afirmaba que esta declaración supuña "o recoñecemento dunha cidade de dimensión europea, española e galega, centro vivo de Galicia". O Arcebispo Rouco Varela declaraba "que o encontro dos restos sagrados do apóstolo e a peregrinación ao seu sepulcro determinaron a orixe, o devir e o perfil histórico da cidade".

A declaración de Santiago como "propiedade pública da humanidade" foi o resultado do esforzo e do traballo non só das autoridades políticas do momento, senón tamén dos técnicos e, sobre todo dos propios cidadáns composteláns. O expediente que se presentou diante da Unesco o 7 de decembro de 1984 foi elaborado por arquitectos composteláns. Estaba formado por tres apartados: un encargado polo Ministerio de Cultura, outro elaborado pola Xunta de Galicia e a última parte presentada polo propio Concello de Santiago de Compostela. É destacable a participación dun equipo de estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña que tomou parte na tarefa de "Debuxar Compostela" para contribuír, con documentación planimétrica, a que o organismo internacional recoñecera á capital galega como Patrimonio Mundial.

Celebración do nomeamento como Cidade Patrimonio da Humanidade

O 7 de marzo de 1986 Santiago de Compostela celebraba a súa inclusión na lista de Patrimonio Mundial Cultural e Natural. Con tal motivo, o alcalde Xerardo Estévez fixo entrega das chaves de ouro da cidade ao director da Unesco, Amadeu Mahtar M’Bow, nunha cerimonia na que se soaron acordes de Vivaldi e Haendel, interpretados pola Orquestra de Cámara Reina Sofía e o Coro Universitario.

Nese acto M’Bow explicaba que os composteláns, os galegos e os españois tiñan que asumir o compromiso de conservar intactos os valores de Compostela coa axuda da Unesco, que contribuiría decididamente "á preservación dos valores que fixeron desta cidade Patrimonio Cultural da Humanidade".

Se para Galicia era un orgullo que a proposta de Santiago fora aprobada por unanimidade e que os membros da UNESCO declararan a súa satisfacción pola decisión que adoptaran, non foi menos a ledicia que se espertou cando M’Bow declarou sentirse "moi emocionado" xa que ningunha das cerimonias ás que asistira polo mesmo motivo, tiveran "as dimensións da de Santiago"

Na mesma cerimonia, celebrada en San Martiño Pinario, o vicepresidente do Goberno da Nación, Alfonso Guerra, mostraba o seu agradecemento ao organismo internacional e explicaba que "o verdadeiro protagonista deste acto é o pobo de Santiago de Compostela e a el debe dirixirse, sen dúbida, a homenaxe de Europa. Esta cidade é o polo fundamental na representación da esencia galega".

Cabe lembrar o importante papel que o Camiño de Santiago desenvolveu para que Santiago fora recoñecida internacionalmente. Esa proxección internacional que o Camiño deu non só a esta cidade, senón a toda Galicia, segue sendo unha realidade. Ao longo da peregrinaxe os camiñantes intercambian ideas, sensacións, comparten experiencias e o mesmo obxectivo: chegar a Compostela.

Cando finalizan o Camiño e os peregrinos regresan ao seu lugar de orixe, estes seguen unidos para sempre pola fonda sensación que lles produciu a súa chegada a esta cidade. En palabras de Alfonso Guerra, citando a Goethe, "no Camiño de Santiago comezou a construción de Europa, aí nace a conciencia europea". Esta incorporación a Europa era, para o vicepresidente do Goberno de España, a única forma de "realizar valores comúns de liberdade, tolerancia e solidariedade entre os pobos".

Comité de Patrimonio Mundial

A degradación e a desaparición do patrimonio cultural e natural supón un empobrecemento de tódolos pobos. Para evitar esta situación en 1972 os Estados membros da UNESCO adoptaron a Convención sobre o Patrimonio Mundial, Cultural e Natural. Esta medida, coa que se pretendía completar os programas nacionais de conservación do patrimonio, concretouse na creación, en 1978, do "Comité de Patrimonio Mundial" e na constitución dun "Fondo Monetario do Patrimonio Mundial".

O Comité tiña e ten tres funcións principais: identificar, sobre a base de candidaturas presentadas polos Estados membros, os bens culturais e naturais de valor universal, decidir cales dos bens incluídos na lista de Patrimonio Mundial pódense inscribir na lista de Patrimonio Mundial en Perigo e, determinar cales son os usos máis apropiados para o presuposto do Fondo Monetario do Patrimonio Mundial.Tódalas decisións que o Comité adopte deberán fundamentarse en consideracións obxectivas e basearse nun traballo preciso realizado por expertos.

A Unesco non pretendía nin pretende protexer tódolos bens importante con interese cultural e natural ,senón simplemente aos máis excepcionais e con proxección internacional. Consecuentemente tódolos Estados que soliciten a inclusión do seu patrimonio deberían reunir características como ser unha representación artística única, unha obra mestra do espírito creativo do home, haber exercido unha influencia considerable nun determinado favorecendo o desenrolo da cultura, da arquitectura e da arte así como a organización do espazo. O patrimonio da humanidade debera ser testemuña dunha civilización desaparecida, estar asociado a ideas e crenzas universais e toda candidatura debe responder ao criterio de autenticidade.

O Comité non só decide qué patrimonio cultural e natural pasa a formar parte desa lista senón que tamén ten o dereito e obrigación de decidir, por maioría de dous terzos dos membros presentes e con dereito a voto, a exclusión de bens da lista de Patrimonio da Humanidade Mundial en dous casos.Se o ben se deteriora ata perder a características que posibilitaron a súa inclusión ou cando no momento da mesma estiveran ameazadas pola acción do home e que as medidas correctivas necesarias non foran tomadas en consideración polo Estado membro no tempo establecido. De ser necesario chegar a este extremo a decisión non será tomada sen ser consultado previamente o Estado interesado.

O Comité Intergubernamental para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura sempre fixo fincapé no artigo catro da Convención, "cada un dos Estados membros que forman parte da presente Convención recoñece a obriga de asegurar a identificación, conservación, valoración e a transmisión ás xeracións futuras do patrimonio cultural e natural sito no seu territorio, que é ante todo competencia súa".

Compartir: