BENESTAR SOCIAL

A UAF presta atención integral a 177 familias en situación de vulnerabilidade social

19/04/2010 Dende que iniciou a súa andaina a finais de 2007 e ata finais de 2009, a Unidade de Atención ás Familias atendeu a 270 menores e 177 familias. Son datos da memoria desta entidade, presentada en rolda de prensa pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín.

Do total de usuarios atendidos, 150 son homes e 120 mulleres. En canto aos menores aos que se observou, por tramos de idade, a maior parte, 166, tiñan máis de 12 anos, fronte aos 55 usuarios de entre 6 e 12 anos e os 49 menores de 6 anos.

No caso das familias, segundo a súa distribución por Unidades de Traballo Social, destaca o número de grupos atendidos na UTS Porta do Camiño, con 56 e na UTS Fontiñas/San Lázaro/Sar, con 55. Séguenlle as UTS Conxo/Rural Oeste/San Lourenzo/Monumental, con 20; Vite/Rural Norte, con 15; Castiñeiriño/Monumental/Pontepedriña, con 11; e Ensanche, con 10 familias.

Os factores que obrigan a intervir á UAF son variados: absentismo, utilización de estilos educativos inadecuados, dificultades na cobertura das necesidades básicas dos menores, dificultades de relación no entorno familiar, etc. As derivacións á UAF veñen dadas por diversos axentes, como os propios Servizos Sociais do Concello, axentes de saúde, centros escolares, teléfono do menor, Equipo Técnico de Menores, ou calquera entidade que desenvolve actividades con menores.

Control do absentismo escolar
A intervención da UAF concrétase nunha serie de programas, traducidos á súa vez en actuacións específicas. Entre estes, a concelleira referiuse ao Programa de dinamización e elaboración de abordaxe na problemática de absentismo escolar a través da comisión para a prevención e control do absentismo escolar no municipio da Santiago (PRECONABES).

Á vista dos datos derivados deste traballo, Mar Martín cualificou como "practicamente anecdótico" o absentismo escolar en Santiago de Compostela. Para conseguilo, resaltou o traballo que se vén realizando, ademais de dende a UAF, dende os propios centros educativos, ONGs, traballadoras sociais e Fiscalía de Menores. A propósito desta cuestión, a coordinadora da UAF, Pilar Bermejo, indicou que se ben o protocolo legal a partir do que se actúa marca o 20% de días lectivos de ausencia nun mes como absentismo, dende os Servizos Sociais deste Concello actúase xa a partir dun 15% de ausencias.

Dinamización sociocomunitaria
A UAF tamén traballa no Programa de Dinamización Sociocomunitaria, dirixido a previr o consumo de drogas a través do deseño e implementación de actividades de ocio adecuadas para a poboación xuvenil.

En Santiago, este traballo realízanse fundamentalmente a través do Programa de Educación de Rúa. A concelleira destacou o éxito de acollida desta actividade, na cal participaron uns 40 mozos na última edición. O obxectivo é volver a poñer en marcha este programa este ano.

Intervención con familias en risco e Programa de Educación Sociofamiliar
Pioneira en Galicia e mesmo en España, segundo dixo Mar Martín, é o Programa de intervención con familias de menores e adolescentes en situación de risco. Proporciónaselle ás familias o reforzo e apoio necesario para resolver as dificultades que se presentan en situacións concretas de crise ou que configuren situacións de maior vulnerabilidade para os menores.

Tamén cunha importante acollida, continúase a traballar no Programa de Educación Sociofamiliar, un servizo educativo e psicosocial de prevención, intervención e apoio dirixido ás familias e a toda a comunidade. Na actualidade, 42 familias e 156 participantes están incluídos nesta iniciativa. Do total, un 54% son familias de etnia xitana, apuntou a concelleira.

Finalmente, en coordinación coa Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago, está en marcha o Programa Ruptura de parella, non de familia. O seu obxectivo é axudar ás familias a afrontar a separación de maneira menos traumática posible, sobre todo aos nenos.

A Unidade de Atención ás Familias
A Unidade de Atención ás Familias formase a finais de 2007 co ánimo de dar unha resposta integral de atención a infancia e adolescencia, atendendo os menores que presentan dificultades especiais e situacións de maior vulnerabilidade social, que requiran de intervencións especificas adaptadas a cada situación. Na actualidade, a UAF esta composta por dúas psicólogas, unha delas con funcións de coordinación na UAF, tres educadoras sociais e as traballadoras sociais das 14 UTS de zona.

Programa de Pais e Nais
Como peche das actividades realizadas dende o Programa de Pais e Nais para a Educación, inícianse dous novos obradoiros. O mércores 21 de abril comeza o obradoiro Sinalando límites. Educar para a independencia e a responsabilidade cos pais e nais do CEIP Pío XII. Esta actividade trata de proporcionar aos asistentes estratexias e información que lles axuden a ensinar as súas regras de forma clara e sinxela, melloren a súa comunicación e establezan uns límites cos nenos e nenas .

Por outra banda, o xoves 22 de abril, cos pais e nais do CPR Compañía de María, iniciarase o obradoiro ¿E as drogas qué? ¿Cómo abordamos o tema das drogas cos nosos fillos e fillas?. Preténdese transmitir aos asistentes estratexias e información que lles axuden a abordar o tema das drogas con respecto aos seus fillos e fillas, e potenciar os recursos preventivos que xa posúen os pais e nais

A duración de ambos cursos será de catro sesións de dúas horas, cunha frecuencia semanal. Serán impartidos pola psicóloga María José Blanco Freire.

Documentos relacionados



Compartir: