PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Chega a Compostela o grupo veciñal que realizou o tramo galego do Camiño Francés

17/04/2010 A primeira das tres rotas polos Camiños tradicionais do programa Fai o camiño conosco concluíu coa chegada a Compostela da peregrinación composta por veciños da cidade. Acompañados pola concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, os veciños chegaron á Porta Santa tras percorrer 12 quilómetros dende Lavacolla a Santiago.

Atrás quedaron as cinco etapas nas que se dividiu esta rota polo tramo galego do Camiño Francés. En total percorreron 113 quilómetros, partindo da localidade lucense de Sarria. Por suposto, rematado o percorrido, os peregrinos obtiveron a súa Compostela.

Fai o camiño conosco é unha iniciativa posta en marcha coa colaboración do Club de Sendeirismo Vía Láctea e no marco do programa Xacobeo 2010, Espazo de Participación, organizado pola Concellería de Participación Cidadá. Neste ano no que todos os camiños conducen a Santiago, a Concellería ofrece os veciños e veciñas de Santiago a posibilidade de realizar cinco rotas de sendeirismo, duns 20 quilómetros cada tramo; tres rotas tradicionais polas etapas galegas dos camiños francés, portugués e de Fisterra; e unha ruta marítima polo mar de Arousa.

Compartir: