BENESTAR SOCIAL, CENTROS SOCIOCULTURAIS E EDUCACIÓN

Os sectores educativos e sociais dos barrios de Conxo e Milladoiro traballan xuntos nun novo espazo de encontro

15/04/2010 O venres 16, ás 18.00 horas, no CEIP Quiroga Palacios, celebrarase a segunda das charlas-café postas en marcha polo Espazo de Encontro para a Educación dos barrios de Conxo e Milladoiro. Este punto de reunión xorde das necesidades detectadas pola Coordinadora de Traballo en Rede Conxo/Milladoiro.

As concelleiras de Centros Socioculturais, Socorro García Conde; de Educación, Mercedes Rosón; e de Benestar Social, Mar Martín, presentaron este Grupo, xurdido da coordinación entre todos os axentes educativos e sociais destes barrios. Os tres departamentos municipais decidiron tamén unir os seus esforzos a esta iniciativa, ao igual que o Concello de Ames.

A orientadora do instituto Eduardo Pondal Dolores Alvariño explicou como naceu esta iniciativa no marco da Coordinadora de Traballo en Rede Conxo/Milladoiro. Ao longo do curso pasado, esta formulou a posibilidade de crear os Espazos de Encontro para a Educación. O seu obxectivo: facilitar a comunicación e a formación de todas aquelas pésoas implicadas na educación dos mozos e mozas.

Este foro quixo coñecer as inquedanzas dos distintos sectores educativos, para o cal se elaborou unha enquisa co fin de recoller os intereses e horarios que mellor se axustasen ás súas necesidades. O cuestionario foi pasado aos pais e profesores dos centros educativos do barrio de Conxo: CEIP Quiroga Palacios, CPR A Milagrosa e IES Educado Pondal.

Analizados os resultados, indicou a orientadora, decidiuse facer unha serie de charlas-café, un venres cada cinco ou seis semanas. Nas mesmas, unha experta no tema da sesión impartiría unha breve charla e despois abriríase a posta en común e o debate entre os participantes.

A primeira destas charlas-café celebrouse o 26 de febreiro na Casa das Asociacións de Cornes. Asistiron unhas 50 persoas, entre profesores, educadores, pais, persoal dos servizos sociais e integrantes de asociacións e concellos que colaboran cos centros educativos. Na charla, impartida pola psicóloga da UMAD Mª José Blanco, falouse das dificultades de comunicación entre pais e profesores. A segunda charla-café, prevista para o venres 16, terá como título "Normas e límites".

Forman parte da Coordinadora de Traballo en Rede Conxo/Milladoiro: CEIP Quiroga Palacios, CPR A Milagrosa, IES Eduardo Pondal, Fundación Secretariado Xitano, Foro da Inmigración, Galicia Acolle, Asociación Chisem, Xeneme, Asociación Down Compostela, Escola de Adultos do Psiquiátrico de Conxo, Centro Sociocultural Aurelio Aguirre do barrio de Conxo, Centro Arela, Residencia da Terceira Idade Volta do Castro, Servizos Sociais dos concellos de Santiago e Ames (educadores familiares, mediadores interculturais, traballadores sociais, psicólogos, pedagogos, educadores de rúa, etc) e ANPAS dos centros educativos.

Compartir: