CENTROS SOCIOCULTURAIS

O novo centro cívico de Santa Marta contará cun pequeno teatro

14/04/2010 O barrio de Santa Marta contará moi pronto co seu tan agardado centro cívico. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o proxecto do edificio, que se prevé que estea construído antes de final de ano, para completar o seu equipamento, o acondicionamento exterior e poñelo en funcionamento antes de que remate o actual mandato municipal.

Será un edificio polivalente, de 1.850 metros cadrados distribuídos nun soto e dous andares. Situarase moi próximo ao núcleo antigo de Santa Marta, "un barrio que está medrando e no que vive moita xente nova", sinalou a concelleira, que engadiu que se cambiou a denominación de centro sociocultural a centro cívico "coa intención de que sexa o espazo aglutinador de todos os equipamentos do barrio, para crear así unha zona con auténtica vida de barrio". Neste caso localizarase nunha área na que se atopa a actual gardería, o antigo centro social e os espazos públicos e verdes do barrio.

Socorro García Conde lembrou que a construción deste centro cívico estaba recollida no acordo de goberno, dando resposta a unha vella demanda da veciñanza. Por iso, cando o proxecto era só un bosquexo, foi presentado aos veciños para recoller as súas opinións. Tamén se tivo en conta por primeira vez a experiencia dos técnicos da rede de centros socioculturais á hora de valorar as necesidades e características dos espazos a incluír no edificio e que cousas non funcionaron en centros anteriores.

Todo isto leva a Socorro García Conde a afirmar que "o novo centro cívico é o mellor e maior da rede de centros socioculturais". Subliñou que "quixemos que este centro servise non só para Santa Marta senón para toda a cidade, polo que incluímos unha sala de usos múltiples transformable nun teatro pequeno, que reunise as condicións para ser incluído na rede B da Rede Galega de Teatros e Auditorios" para obras de pequeno e mediano formato. "Aquí situaremos no futuro a cabeceira da rede municipal de centros socioculturais", adiantou.

Características do edificio
As arquitectas autoras do proxecto, Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande, debullaron polo miúdo as características do centro. Sinalaron que, aínda que sobrio, será un edificio de calidade, no que se pon moita atención na iluminación, tanto natural como artificial e na eficiencia enerxética. No exterior contará con cerámica cara a vista e ventás de madeira.

A planta baixa do edificio ten 815 metros cadrados de superficie, con dúas zonas claramente diferenciadas. Na primeira sitúase o teatro-sala de usos múltiples, con 230 metros cadrados e capacidade para 160 espectadores. Estará dotado de camerinos e na parte superior de palco e salas de control técnico. O teatro ten o escenario a ras do chan e conta cun sistema de butacas retráctiles que permite transformar a sala nun espazo totalmente aberto. Conta cunha entrada desde o exterior e pode illarse do resto do edificio, o que permite ter actividades incluso cando o centro estea pechado ao público.

Na primeira planta sitúanse tamén o vestíbulo, o mostrador de recepción, a zona de despachos, unha sala de informática e a ludoteca. Esta última é unha ampla sala de 113 metros cadrados pensada para o seu uso por nenos e nenas, con boa iluminación, baños adaptados e unha saída directa ao patio para actividades ao aire libre. Complétase esta planta cun espazo para maiores de 64 metros cadrados, que se pode transformar en sala de exposicións.

No primeiro andar, de 502 metros cadrados, ademais do palco e as salas de control do teatro, atópanse dúas aulas que se poden unir nun único espazo de 79 metros cadrados, unha sala de reunións, outra dotada con cociña e unha zona pensada para mozos e mozas. Tamén está nesta planta a biblioteca, un espazo de 137 metros cadrados, cunha iluminación moi especial: a luz entra directa desde o norte, e fíltrase desde o sur a través de vexetación situada en espaldeiras no exterior desta fachada do edificio. A planta complétase cunha terraza de 114 metros cadrados.

O director da rede de centros, Enrique Vázquez, felicitou á Concellaría e ás arquitectas responsables do proxecto pola súa calidade: "un centro como este ten que ser un edificio polivalente, e ao ter moitos usos o seu deseño ten maior dificultade".

Ampliar a rede
O financiamento para o novo centro cívico de Santa Marta provén do Fondo Estatal para a Sostibilidade Local, cun orzamento de 1.250.000 euros que se empregarán na construción do edificio e na instalación do sistema de butacas retráctiles. Neste momento está no proceso de licitación a execución da obra.

Socorro García Conde destacou que esta actuación se enmarca no traballo de reorganización da rede de centros socioculturais, que ten por obxectivo mellorar a organización dos centros, cubrir as novas necesidades e intereses, achegar a oferta cultural ás zonas rurais e favorecer a participación das asociacións. Nesa liña trabállase na mellora dos centros existentes, a ampliación dos edificios que o precisan e a construción de novos centros para chegar a máis barrios e veciños. A concelleira informou da situación doutro dos centros que se van construír, o de Romaño-Vista Alegre, "do que saíu onte publicado o concurso para a súa construción".

Compartir: