EDUCACIÓN

A X Campaña de Animación á Lectura chegará a máis de 5.000 escolares

13/04/2010 Por décimo ano consecutivo púxose en marcha a Campaña Municipal de Animación á Lectura, promovida pola Concellería de Educación e Kalandraka Editora. A programación transcorrerá ata o 22 de maio na Galería Sargadelos, nas escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque e Polígono do Tambre, e tamén no IES de Sar.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou esta nova edición da campaña, que nesta ocasión leva por lema Un gran soño, título do traballo presentado polo ilustrador Felipe Ugalde que gañou o II Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Precisamente, a proclamación da obra gañadora da terceira edición do certame, La familia C, de Mariona Casaba e Pep Bruno, marcou o comezo dun completo calendario no que non faltarán sesións de contos e música, visitas guiadas á exposición de ilustracións e obxectos artísticos, obradoiros de escrita creativa e ilustración, actividades formativas para o profesorado, encontros con ilustradores e charlas para familias.

O obxectivo da X Campaña de Animación á Lectura, que chegará a máis de 5.000 escolares de Santiago e da bisbarra, é achegalos á lectura nun clima motivador e creativo, inculcarlles o aprecio polas producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural nun contexto crítico e selectivo, e promover a tradición e a expresión oral da lingua.

Un dos aspectos relevantes do programa son os encontros que van manter os ilustradores Marc Taeger e Pablo Otero co alumnado das escolas infantís. Así, nos seus respectivos obradoiros van mesturar música e ilustración para favorecer o desenvolvemento da creación visual e da escoita. Entre as novidades da Campaña figura precisamente a sesión teórica e práctica que Pablo Otero realizará no IES do Sar cos alumnos e alumnas de Bacharelato Artístico, que poderán coñecer a experiencia directa dun profesional no ámbito da ilustración.

Actividades abertas
O sábado 17 de abril celebraranse as primeiras actividades abertas ao público: Do berce á lúa é o título das sesións de contos para bebés de cero a tres anos acompañados dun adulto que, a partir das 11:30 e das 12:30 horas, haberá na Galería Sargadelos. O aforo é limitado, polo que cómpre solicitar reserva no Departamento de Educación.

Tamén é de entrada libre e aberta ao público infantil e adulto en xeral, a sesión de contos titulada Contos a carón da lareira, que se celebrará na Galería Sargadelos o sábado 24 de abril a partir das 12:00 horas. Nesta actividade, dedicada aos contos de tradición oral, vai participar a Escola Municipal de Música. As familias terán outra cita o 20 de maio nas escolas infantís, cunha sesión especial na que se explicarán pautas para introducir o libro e a lectura en función das idades dos nenos e nenas, con exemplos prácticos en cada etapa do crecemento.

Tamén para os docentes
No que respecta ao persoal docente, bibliotecarios e mediadores de lectura, o 4 de maio, a partir das 18:30 horas, na Galería Sargadelos, poderán asistir a unha charla impartida pola profesora e responsable da biblioteca no IES Ánxel Casal da Coruña, Carmen Loriga. Co relatorio E ti por que les? Vieiros que desde a nenez nos achegan á lectura, a relatora vai explicar distintos proxectos de animación lectora no ámbito escolar.

A clausura de Un gran soño será o 22 de maio ás 12:00 horas, cunha sesión especial para nenos e nenas, nais e pais, profesorado e público en xeral. A Galería Sargadelos e o Casino de Santiago acollerán diversas actividades para conmemorar o décimo aniversario da Campaña de Animación á Lectura. Entre outros invitados, participarán os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música. Ata entón, a Galería Sargadelos acolle unha mostra de ilustracións e obxectos artísticos que, ademais de estar á disposición dos grupos escolares que participen nas actividades matinais, tamén pode ser visitada pola cidadanía en horario comercial. Entre as obras expostas figuran Un gran soño, do mexicano Felipe Ugalde, gañador do II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado; A viaxe do bisavó, da valenciana Aitana Carrasco; Os catro amigos, do mexicano Gabriel Pacheco; os linogravados do ilustrador suízo afincado en Galicia Marc Taeger, para o libro-disco Tic Tac; e os ideogramas do ourensán Pablo Otero baseados no libro èm]Gramática da fantasía.

Ademais, con motivo do centenario do nacemento de Leo Lionni, dispúxose unha sala específica en homenaxe ao autor e ilustrador de obras tan emblemáticas como Frederick, Nadarín, A casa máis grande do mundo e Pequeno Azul e Pequeno Amarelo.

Compartir: