FACENDA

O Concello logra un aforro corrente de máis de seis millóns de euros

13/04/2010 Malia a diminución dos ingresos correntes derivados da crise económica, o Concello foi capaz de obter un aforro corrente de mais de 6 millóns de euros. Os datos presentados pola concelleira de Facenda, Rosa Fernández, relativos á liquidación do presuposto de 2009 reflicten un volume de gasto realizado (obrigas recoñecidas) de 119 millóns de euros, dos que 79 millóns correspóndense a gastos correntes e máis de 32 millóns a investimentos e transferencias de capital.

Os ingresos totais ascenderon a 116,7 millóns de euros, dos que 85,9 millóns corresponden a ingresos correntes (impostos, taxas, transferencias correntes e outros). A contención dos gastos correntes foi finalmente insuficiente para rematar o exercicio en equilibrio e o resultado orzamentario despois dos axustes legais cífrase en -813.316,11€, unha cifra que está moi por debaixo do que supuxo o descenso dos ingresos ordinarios.

Os ingresos presupostados previstos de carácter corrente ascendían a 99,9 millóns de euros. A baixada máis importante das liquidacións corresponde a impostos indirectos e taxas e outros ingresos, sendo o imposto de construcións e a taxa por licenzas urbanísticas os que sofren a maior baixada sobre os ingresos previstos. Isto ben derivado do novo escenario económico que trae consigo un cambio de tendencia na tipoloxía de vivenda cara a protección oficial, aínda que non supoña unha baixada no número de licenzas outorgadas.

32,5 millóns de investimentos
A contención do gasto corrente sobre o previsto contivo finalmente o déficit orzamentario sen que dificultase a realización de investimentos, que acadaron a cifra de 32,5 millóns, duplicando o nivel de execución dos mesmos do ano 2008. Esta cifra elévase a 39,5 millóns cando falamos dos gastos comprometidos en fase de execución a 31 de decembro.

O nivel de endebedamento executouse sobre as previsións estimadas. A final do ano a contía acumulada foi de 64,3 millóns de euros.

Os aforros máis importantes no estado de gastos foron os correspondentes ao Capítulo I de gastos de persoal. No Capítulo II, a redución mais importante foi a de gastos de mantemento xerais, subministros xerais e contratos de prestación de servizos.

O remanente de tesourería foi negativo en 898.531,08 euros, amosando o reflexo do déficit orzamentario de presente exercicio.

Revisión do PEF
O Concello ten previsto revisar o PEF (Plan Económico e Financeiro) aos efectos de axustar as previsións ao novo escenario económico. Neste sentido xa se teñen dado pasos importantes, como a declaración de non dispoñibilidade de máis de 3,5 millóns de euros en gasto corrente, malia a decisión do goberno municipal de conxelar os impostos para o ano 2010. A maiores, o pleno da corporación adoptou o pasado mes de marzo a decisión de solicitar a única operación de endebedamento prevista para este ano, por un importe moi inferior ao previsto no Plan Económico e Financeiro.

Compartir: