EDUCACIÓN

O Certame de Teatro Intercentros ofrecerá 17 representacións do 19 ao 23 de abril

12/04/2010 Unha cita xa clásica no calendario educativo do curso é o Certame de Teatro Intercentros, organizado pola Concellería de Educación e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago, que en 2010 chega á súa edición número quince. Nesta ocasión serán 14 centros escolares de Santiago e comarca os que realicen ata 17 representacións os días 19, 20, 21, 22 e 23 de abril. A obra gañadora representarase no Teatro Principal o 12 de maio, ás 20:00 horas.

Os espectáculos poderán presenciarse nos institutos Rosalía de Castro e Xelmírez I e na Escola de Maxisterio. É a incorporación deste terceiro escenario unha das novidades desta edición. Alí, segundo explicou o coordinador das Equipas de Normalización Lingüística, Xepe Torres, desenvolverase unha especie de certame paralelo coas obras representadas por ata cinco grupos cos rapaces de menor idade.

Foi a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, a encargada de presentar o certame, do que salientou a súa "riqueza" á hora de "completar a formación dos alumnos". Tamén se referiu ao seu éxito á hora de formar novos afeccionados ao teatro.

Este ano participan 14 centros escolares, 12 públicos e 2 privados, e tamén nesta convocatoria se produciron novas incorporacións. En concreto, o Pío XII, ausente na anterior edición, retoma as súas representacións. E como novidade, súmase ao Certame Intercentros o CEIP Lamas de Abade.

Será o luns 19 cando os máis pequenos poñan en escena as súas as obras na Escola de Maxisterio, a partir das 10:30 horas. Os dous grupos de teatro do CEIP López Ferreiro representarán, respectivamente, O timo do Xocas e Os gatos do 07, mentres que o do Colexio San Jorge porá en escena Os mecánicos de contos. O grupo do Pío XII escenificará O peixe arcoiris. Ao día seguinte, martes 20, á mesma hora e no mesmo escenario, vez para o CEIP Pío XII, con O espantallo amigo, e para o CEIP Lamas de Abade, con A Lameira F.M..

O resto de obras previstas son:
- Luns 19: A can fraco todo son pulgas (IES Rosalía de Castro), no mesmo Instituto; Palabras (CPI de Touro e CPI de Vedra) e Fábrica de soños (CPI de Vedra), no Instituto Xelmírez I.
- Martes 20: Aires de vinganza (IES Rosalía de Castro), no mesmo Instituto; e Ela imaxina (Colexio Manuel Peleteiro) no Xelmírez I.
- Mércores 21: O espello da alma (IES Rosalía de Castro), no mesmo instituto; e Os figurantes (IES Antonio Fraguas), no Xelmírez I.
- Xoves 22: O cachequitó e O home espido e o home do frac (IES Eduardo Pondal), no Rosalía de Castro; e (Hamlet) eu non son (IES Xelmírez I), no propio Xelmírez.
- Venres 23: O soño dunha noite de verán (IES Pontepedriña), no Xelmírez I

Con A de astrónomas
Por outra parte, a titular de Educación aproveitou tamén a rolda de prensa para resaltar o éxito que está a ter a exposición Con A de astrónomas, que permanecerá ata o 29 de abril no Colexio de Fonseca. A Concellería de educación ocupouse da parte didáctica desta mostra, grazas á cal xa pasaron pola mesma case 1.000 escolares.

Documentos relacionados



Compartir: