BENESTAR SOCIAL

O Programa de Educación Familiar ofrece sete novas propostas para promover o benestar e a calidade de vida das familias

12/04/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou as novas propostas para este ano 2010 do Programa de Educación Familiar, que desenvolve a Unidade de Atención ás Familias (UAF). Estas novas iniciativas serán presentadas publicamente o vindeiro mércores 14 de abril, ás 10:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas.

O Programa de Educación Familiar é un servizo educativo e psicosocial de prevención, intervención e apoio dirixido ás familias e a toda a comunidade. Ten como finalidade promover a calidade de vida e o benestar social das familias e dos membros que a integran. Busca a promoción da autonomía familiar, o desenvolvemento integral das potencialidades da familia e a súa participación activa como protagonista do seu propio cambio, a partir dun proceso compartido entre as familias, as/os profesionais e os axentes da súa comunidade.

Para seguir potenciando este Programa de Educación Familiar e a atención personalizada que este presta, neste 2010 póñense en marcha ata sete novas iniciativas. Así, no marco da Unidade de Formación, que complementa o traballo no contexto familiar, realizaranse catro obradoiros coas seguintes temáticas: autoestima, imaxe persoal, educación familiar e habilidades administrativas básicas.

Novidoso é tamén o proxecto "Descubre Santiago, descubre o teu barrio". Inicialmente desenvolverase no barrio de Fontiñas, co obxectivo de amplialo progresivamente ao resto de barrios da cidade.

Outra iniciativa, A escola das familias, estará destinado a familias con dificultades nos diferentes ámbitos de traballo do Programa de Educación Familiar. Ademais, realizaranse actividades de alfabetización de adultos e apoio escolar. Para iso, solicitáronse dous mestres, coa intención de desenvolver estas sesións con participantes do Programa, pero tamén aberto a derivacións dende as unidades de traballo social (UTS).

A Unidade de Atención ás Familias
A Unidade de Atención ás Familias (UAF) formase a finais do ano 2007, co ánimo de dar unha resposta integral de atención a infancia e adolescencia, atendendo os menores que presentan dificultades especiais e situacións de maior vulnerabilidade social, que requiran de intervencións especificas adaptadas a cada situación, determinadas por circunstancias familiares e pola gravidade das mesmas por medio dos programas que se veñen desenvolvendo nas diversas áreas do Concello. O traballo da UAF centrarase, prioritariamente, na fase de intervención directa coas unidades de convivencia, así como na avaliación de resultados e, en todo caso, na toma de decisións.

Na actualidade a UAF, esta composta por:
- 2 psicólogas, unha delas con funcións de coordinación na UAF
- 3 educadoras sociais
- Traballadoras sociais das 14 UTS de zona.

O equipo de profesionais da UAF ten un enfoque preventivo e comunitario, así como de intervención terapéutica no núcleo familiar. Para iso, a metodoloxía que se utiliza en intervención social segue unha serie de pasos necesarios para unha adecuada abordaxe da realidade social.

Dende a UAF estase levando a cabo un conxunto de programas, tales como:

Programas de Prevención universal:

- Programa de dinamización e elaboración de abordaxe na problemática de absentismo escolar a través da comisión para a prevención e control do absentismo escolar no municipio da Santiago (PRECONABES)
- Programa de dinamización sociocomunitaria
- En busca do Tesouro das Familias
- Programa de Educación familiar

Programa de prevención indicada:

- Programa de intervención con familias de menores e adolescentes en situación de risco

Compartir: