CENTROS SOCIOCULTURAIS

Outra edición do Obradoiro do Espectador achega o público á escena contemporánea

09/04/2010 A Concellería de Cultura e Centros Socioculturais e a compañía Chévere, residente na Sala Nasa, desenvolverán nos meses de abril, maio e xuño a cuarta edición do Obradoiro do Espectador. Trátase dunha actividade que ten por obxectivo achegar o público ás artes escénicas contemporáneas, proporcionándolles aos espectadores coñecementos para unha maior comprensión e diversión. A Concellería impulsa unha nova edición despois do éxito das tres anteriores.

O Obradoiro do Espectador é unha proposta dirixida tanto a espectadores experimentados como a persoas que queiran iniciarse no goce do teatro. Como nas tres edicións anteriores, as actividades están estruturadas en tres partes: unha primeira sesión de adestramento nos centros socioculturais -na que os participantes contextualizan o espectáculo que van ver máis adiante-, a asistencia a un espectáculo escénico contemporáneo e un coloquio posterior cos axentes creativos do espectáculo. Os espectáculos e os encontros cos creadores teñen lugar na Sala Nasa.

Con este formato, o obradoiro preséntase como unha actividade que facilita a aprendizaxe e comprensión dos códigos das artes escénicas a través do coñecemento e análise das obras propostas. Dálle aos afeccionados a posibilidade de encontrarse cos creadores e reflexionar acerca de diferentes aspectos do teatro actual: técnicas, estilos, escolas, grupos, actores, directores, autores, temáticas, etc. As edicións xa celebradas amosaron que o Obradoiro do Espectador resultou moi satisfactorio desde un punto de vista intelectual e relacional, como unha oportunidade de encontro e intercambio para adquirir novos coñecementos culturais. O obradoiro está conseguindo crear redes de afeccionados ás artes escénicas en torno aos Centros Socioculturais, a Sala Nasa e o teatro.

Documentos relacionados



Compartir: