CULTURA

Festival no Auditorio de Galicia a prol da Asociación Párkinson Compostela

09/04/2010 Humor, música e circo cunha fin solidaria: colaborar coas persoas que padecen párkinson. Este é o obxectivo do III Festival Conéctate, que se celebra o domingo 11 de abril, ás 19:30 horas, no Auditorio de Galicia.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e a presidenta da Asociación Párkinson Compostela, Carmen Guillín, presentaron o festival, co que se agarda recadar fondos para as terapias que se ofrecen na asociación aos afectados por esta doenza. O festival conta cun programa atractivo, con artistas que participan de forma desinteresada. Actuarán o trío de música tradicional Vaamonde, Lamas & Romero; o dúo de humoristas Mucha e Nucha, famoso polas súas aparicións no programa 'Luar' da TVG; e o grupo de circo Pista Catro, con números de malabares, humor e equilibrismo. Da presentación encargarase a xornalista Inés Dopazo.

As entradas custan 7 euros, e poden adquirirse de forma anticipada en Discos Gong e na cafetería da Facultade de Xornalismo. Carmen Guillín lembrou que un dos obxectivos desta gala é "recadar fondos para a asociación, porque temos problemas para ofrecer aos socios terapias efectivas a un prezo asequible". O outro obxectivo da asociación é "relacionarnos, que a xente saiba que existimos". A presidenta da Asociación Párkinson Compostela pediulle aos cidadáns de Santiago e da comarca que colaboren coa asociación e gocen do festival.

A concelleira destacou o apoio do seu departamento para que as asociacións da cidade tiren partido de espazos culturais como o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia. "É aínda máis satisfactorio cando son asociacións do ámbito sociosanitario que xeran propostas de tipo cultural, como neste caso. Creo que vai ter un éxito enorme de público", valorou.

Mellorar a vida dos que padecen párkinson
A Asociación Párkinson Compostela naceu en 2008 coa intención de servir de punto de encontro entre as persoas afectadas por esta doenza en Santiago e comarca. Co obxectivo de manter e mellorar a calidade de vida, autonomía e integración social dos enfermos de párkinson, a asociación desenvolve na actualidade tres tipos de terapias: apoio psicolóxico, fisioterapia e logopedia.

Compartir: