ALCALDÍA

O Concello incrementará os investimentos reais ata os 38 millóns de euros a pesar da redución do gasto

09/04/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, confirmou que o nivel de investimentos reais se incrementará ata os 38 millóns de euros, 6 millóns máis que o facturado finalmente no exercicio 2009. Así será malia a redución do gasto do 4% prevista, que mesmo se incrementará ata o 5%.

Este nivel de investimento en 2010 acadarase grazas aos fondos procedentes dos convenios de travesías e do casco histórico, do Fondo Estatal para a Sostibilidade Local e dos algo máis de 20 millóns de remanentes procedentes do exercicio anterior. Segundo indicou o alcalde, vaise a facer un reaxuste de prioridades en canto ás obras ás que se destinará este remanente.

Puxo como exemplo deste axuste, os 2,5 millóns de euros que se dedicarán de xeito inmediato para o arranxo de vías urbanas (2 millóns) e beirarrúas (0,5 millóns). Esta partida será levada ao pleno ordinario deste mes de abril ou a un extraordinario. Entre as obras de arranxo xa rematadas está a da rúa Rosalía de Castro. Ademais, indicou que outro millón de euros destinarase a arranxo de vías do rural.

Salientou o alcalde este esforzo inversor nun contexto de crise como o actual e malia o aforro previsto nos gastos municipais en 2010. De feito, indicou tras recibir as previsións de endebedamento público formuladas polo Estado, o obxectivo municipal é terminar o 2010 cun déficit cero, malia que se autorice ata un 0,3% do PIB, que no caso de Santiago supón uns 7 millóns de euros (o Produto Interior Bruto de Santiago son 2.200 millóns de euros).

En canto ao resultado do exercicio 2009, á vista da liquidación do orzamento que se aprobará na Xunta de Goberno do martes 13, o alcalde anunciou que "se produciu un pequeno déficit, en todo caso moi inferior ao 0,1% do PIB autorizado. Este lixeiro déficit, dixo, produciuse, a pesar da redución do gasto, pola redución da achega do Estado e pola diminución de ingresos vinculados á actividade económica e especialmente á construción.

Insistiu Sánchez Bugallo en que se traballará para "conter o nivel de endebedamento". Neste sentido, anunciou que a operación de crédito aprobada en Pleno de 4 millóns de euros para facer fronte á achega municipal nos convenios de travesías e casco histórico será a única que se realice en 2010. En 2009 solicitáronse e amortizáronse 7 millóns de euros. Neste exercicio amortizaras a mesma cantidade, pero só se realizará a operación de crédito de 4 millóns.

Compartir: