MEDIO AMBIENTE

Constitúese o Comité Directivo do proxecto medioambiental europeo ParkAtlantic

08/04/2010 Quedou constituído en Santiago o Comité Directivo do Proxecto Parques Urbanos Atlánticos-ParkAtlantic, proxecto no que ademais de Compostela participan as cidades do Porto, Angers, Limerick e Pau. A concelleira do Medio Ambiente de Santiago, Elvira Cienfuegos, exerceu de anfitrioa desta primeira xuntanza e na mesma estiveron representadas todas as outras cidades coa excepción do Porto, que non puido asistir por imprevistos de última hora.

Esta primeira xuntanza serviu para coñecerse mellor, salientando Elvira Cienfuegos que "Santiago é unha urbe que se preza por ser cidade de acollida, que naceu como meta do Camiño e que é especial destino de peregrinos en Anos Santos como este 2010". Ademais tamén explicou que "Compostela foi medrando planificadamente, incorporando sempre coas novas área de expansión urbana novas zonas verdes, que contribúen á calidade ambiental e á calidade de vida dos seus habitantes".

A concelleira do Medio Ambiente tamén manifestou que se tiñan escollido estes parceiros "por termos características comúns, cidades pequenas mais centros neurálxicos de zonas máis amplas, con moitos espazos verdes, case todas con río ou con lagoas, mais tamén cidades cun patrimonio histórico interesante, grande actividade cultural e cun importante atractivo turístico". Destacou "o caso de Angers, que nos sorprendeu ao contarnos que teñen mil hortas urbanas nos seus parques e xardíns e unha gran superficie de lagoas; algo semellante ocorre con Irlanda, onde tamén teñen unha gran superficie dedicada a espazos públicos e ao igual que nós con moita flora expontánea, ou o caso de Pau, que ademais está moi cercana aos Pirineos"

Cienfuegos continuou indicando que "son cidades que ao igual que Santiago están enormemente preocupadas polo desenvolvemento urbano para que este sexa sustentable, o cal está na liña do que se prevé neste proxecto de Parques Atlánticos". Sobre as accións a desenvolver destacou que "dentro dos traballos que nos van ocupar están: un laboratorio virtual urbano, o estudio dos parques urbanos e periurbanos para a redacción dun plan de acción, tamén a formación para os técnicos municipais e intercambio de experiencias e a definición dun plan de comunicación que inclúa unha páxina web e intranet que sirva para relacionar aos parceiros e proxectar os traballos que imos desenvolver".

Sobre a reunión apuntou que "fomos detallando como se desenvolverán estas accións e cal será a secuenciación destas distintas funcións, e establecemos os comités de dirección, o calendario das novas reunións, os procedementos de avaliación e os cometidos de cada un dos parceiros". En definitiva, dixo, "sentamos as bases das seguintes reunións e do proxecto en xeral para que sexa de proveito e poida estar finalizado no 2012".

Acompañando á edil, compareceron ante os medios Fanny Maujean, xefa do servizo de parques e xardíns de Angers; Alexia Quintin, xefa do servizo de parques e xardíns de Pau; e Marie Collins representante do goberno de Limerick.

ParkAtlantic
O obxectivo principal deste proxecto liderado por Compostela é a posta en valor dos parques urbanos atlánticos e a potenciación da súa contribución ao desenvolvemento urbano sustentable. Neste sentido, trátase de avanzar nun modelo de cidades máis ecolóxico, no que haxa unha integración funcional dos parques, e que ademais, constitúan un atractivo turístico que complemente a riqueza cultural e a patrimonial das cidades.

Santiago é quen encabeza o proxecto, o que significa que foi o Concello que lanzou a proposta á que posteriormente se sumaron as outras cidades. Agora será Compostela a urbe que coordine o seu desenvolvemento e quen manteña a interlocución directa coa Unión Europea. Os outros catro socios de ParkAtlantic partillan con Santiago as características de contar cun importante patrimonio histórico-artístico ou monumental, cunha importante rede de parques e espazos naturais. Urbes pequenas e medianas, sendo Porto a maior, case todas á beira dun río ou con lago, con elevados ratios de zona verde por habitante, con importantes programacións culturais, case todas cidades universitarias e para as que o turismo é unha importante fonte de ingresos.

O orzamento total do proxecto ascende a 1.301.170 euros, a executar antes de decembro do 2012, o que supón un financiamento de fondos FEDER que ascende a 845.761 euros, dos que corresponderán 227.177 a Santiago. ParkAtlantic abarcará actividades de análise, investigación, intercambio de coñecemento e experiencias e difusión. Entre outras accións, redactarase un estudio de parques urbanos e periurbanos -con inventario, localización e mapas temáticos-, concretarase un plano de acción urbano atlántico sustentable tomando como referencia as zonas verdes, elaboraranse materiais para a formación en liña de técnicos municipais, organizaranse seminarios para o intercambio de coñecementos e experiencias, elaboraranse roteiros temáticos descargables da rede en varias linguas e distintos formatos, ou editaranse diferentes publicacións das redes de parques.

Compartir: