TURISMO

Turismo de Santiago colabora con Artefacto na promoción de "O Apóstolo"

08/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a produtora executiva de O Apóstolo, Isabel Rey, presentaron a colaboración de Turismo de Santiago coa empresa compostelá Artefacto Producciones para a promoción da película, que é a primeira feita en Europa coa técnica de animación stop motion. Estiveron acompañados da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Valencia, Mari Ángeles Fernández, quen colaborou na elaboración dun xogo interactivo feito en base á película.

O Apóstolo está dirixida por Fernando Cortizo. Trátase dunha historia de terror, humor e fantasía ambientada no Camiño de Santiago e na capital de Galicia. Un convicto recén fuxido do cárcere tratará de recuperar un botín escondido anos atrás nunha solitaria e apartada aldea; pero o que alí atopará supon unha condena aínda maior da que xa sufriu. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un estraño sacerdote e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago.

A película celebrará a súa "première" o 17 de xullo no Auditorio de Galicia. A súa distribución internacional farase a través de Tricoast Worlwide. Dende Turismo de Santiago considérase un proxecto con gran potencial de promoción de Compostela, dada a súa temática arredor do Camiño de Santiago e da propia cidade, o seu carácter innovador ao ser a primeira produción europea destas características, ao seu elenco de actores - Carlos Blanco, José Manuel Olveira "Pico", Celso Bugallo, Luis Tosar, Paul Naschy, Jorge Sanz, Geraldine Chaplin e Manuel Manquiña- e a súa capacidade de distribución internacional.

A colaboración de Turismo de Santiago vense desenvolvendo dende hai máis dun ano. Neste momento concretarase en diferentes accións que permitan xerar expectación arredor da película, tanto no mercado doméstico coma nos mercados internacionais. Ao mesmo tempo, Artefacto Producciones aproveitará as súas plataformas para promocionar a cidade, por exemplo nos Festivais e mercados de cine nos que está presente, como Cannes, Berlín ou Annecey.

Dende o 1 de abril, nas oficina de información de Turismo de Santiago están expostos dous dos bonecos protagonistas de O Apóstolo. Estas réplicas, feitas en cartón pedra e a gran escala, teñen un gran parecido físico e expresivo con dous dos actores que poñen as voces na película, Carlos Blanco e Geraldine Chaplin. Ademáis, as persoas que fagan consultas na oficina poden levarse un marcapáxinas da película e participar nun sorteo de dúas noites de aloxamento na cidade e dúas entradas para a estrea, que terá lugar o 17 de xullo no Auditorio de Galicia.

O persoal da oficina de Turismo de Santiago vestirá durante os próximos meses un uniforme co logo da película. Tamén se conta cunha liña de merchandising conxunta, con obxectos escollidos pola súa utilidade e vinculación cos peregrinos que fan o Camiño de Santiago, que estará a disposición do público na propia oficina de turismo e está previsto que na rede de albergues do Camiño.

Nestes momenos Turismo de Santiago e Artefacto están traballando na posibilidade de extender estas accións de promoción ao resto de cidades que, xunto con Santiago, conforman a Rede de Cidades do Camiño: León, Burgos, Logroño e Pamplona. Ademáis, Turismo de Santiago está promocionando O Apóstolo nas feiras e encontros turísticos nos que está presente, como a recente ITB de Berlín, considerada a maior feira turística do mundo.

Xogo interactivo
Na rolda de prensa tamén se presentou oficialmente o xogo interactivo de O Apóstolo. Trátase dun "quiz-game", no que se mesturan características do xogo da oca e do trivial. Os xogadores teñen que ir contestando a unha serie de preguntas sobre o Camiño de Santiago a medida que avanzan polo taboleiro. As persoas que completen o xogo conseguirán un produto do merchandising da película: camisetas, gorras, lanternas, paraugas, tazas, libretas… O xogo deseñouse en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Valencia. O contido das preguntas foi elaborado polos membros da asociación, que recibiron con entusiasmo a invitación a colaborar no proxeto e traballaron intensamente no mesmo.

Ademais do xogo interactivo, está previsto desenvolver un "xogo das moedas" para promocionar a película entre os peregrinos que nestes meses fagan o Camiño de Santiago, a través da Rede de Albergues do Camiño de Santiago. Ao longo do percorrido, os participantes atoparán unha serie de preguntas sobre o propio Camiño que lles irán dando pistas para atopar algunha das moedas da película que se atopan escondidas nas diferentes paradas. Quen atope as moedas levará un premio ao final do Camiño.

Artefacto Produciones, fundada en abril do 2007 por Isabel Rey e Fernando Cortizo, foi unha das 64 empresas que naceron dentro do proxecto Equal Compostela Social, que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego desenvolveu nos anos 2006 e 2007. A empresa compostelá foi ademais a gañadora no ano 2007 do Concurso de Novas Ideas Empresarías Compostela Activa, iniciativa tamén da mesma Concellería.

Direcciones relacionadas



Compartir: