PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os seis proxectos premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais xa están constituídos como empresas

08/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou na tenda de música O pazo das musas unha figura de Sargadelos aos promotores de cinco dos seis proxectos empresariais premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2009: Itíneris Consulting, Cultureka, Abastos 2.0, O pazo das musas e VFX Factory. Queda pendente Mama Egue, xa que o seu promotor non puido asistir por atoparse de viaxe.

As seis empresas, que recibiron como premio 4.000 euros cada unha, dos que se descontaron os impostos, están xa constituídas. O Concurso de Novas Ideas Empresariais contou, en 2009, cun orzamento de 24.000 euros. Pertence ao programa de fomento do emprendemento Compostela Activa. Este programa, enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago. Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza este concurso, e para as que acaban de montar unha empresa, establece unha liña de axudas da que se beneficiaron, na pasada edición, 24 novas empresas de Santiago.

O Concurso de Novas Ideas Empresariais está dirixido ás persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial e no momento de presentar a solicitude non iniciaran a actividade. Igual que en anos anteriores, en 2009 un mesmo proxecto podía presentarse a distintas categorías, sempre que se axustasen aos criterios especificados nas bases. A esta edición presentáronse 50 solicitudes ás seis categorías establecidas. Cada unha delas establecía un premio de 4.000 euros para o proxecto gañador. Os premiados en cada unha das modalidades foron:

1. Novas ideas empresariais categoría xeral: resultou premiado o proxecto Itíneris Consulting. Promovida por Juan Carlos Rodríguez Neira e David Pita, constituíuse en agosto de 2009. Trátase dunha empresa de consultoría especializada en temas turísticos, de ocio e educativos (www.itineris.es). Neste momento está desenvolvendo distintos proxectos para institucións públicas e privadas do noroeste peninsular e de Portugal, con proxectos fundamentados en criterios educativos e ambientais. Isto, xunto á aposta pola calidade e a innovación, sitúana, xunto a outras 24 empresas, na lista realizada polo IGAPE de identificación de boas prácticas.

2. Novas ideas empresariais promovidas por mulleres: resultou premiado o proxecto Cultureka. Está promovido por Rosalía Porto-Vilas Sixto. Constituíuse en decembro de 2009. Ofrece servizos integrais e persoalizados en turismo, eventos e comunicación. Iniciativas como Catas & Degustaciones, que irrompe no mercado ofrecendo un novo concepto no mundo do viño, con catas, degustacións e outras actividades novidosas e divertidas. A súa páxina web é www.cultureka.es.

3. Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude: resultou premiado o proxecto Abastos 2.0. Está promovido por Iago Pazos e Marcos Cerqueiro. Constituíuse en decembro de 2009. É un espazo gastronómico localizado na praza de Abastos, formado por seis casetas, caracterizado pola diversidade diaria das propostas gastronómicas, aínda que adaptadas á oferta do Mercado. A súa páxina web é www.abastosdouspuntocero.es.

4. Novas ideas empresariais categoría autoemprego: resultou premiado o proxecto Mamá Egue. Está promovido polo senegalés Irama Faty. Trátase dunha tenda de artesanía africana, situada na rúa da Algalia de Arriba, 15, aberta a principios de decembro de 2009.

5. Novas ideas empresariais comercio-turismo: resultou premiado o proxecto O pazo das musas. Está promovido por María González Gómez. Trátase dunha tenda especializada en música, situada na rúa Nova, 8-10, que abriu as súas portas en xaneiro. Conta cun espazo web en tendaopazodasmusas.blogspot.com.

6. Novas ideas empresariais industria-servizos avanzados para empresas: resultou premiado o proxecto NIX VFX Factory. Está promovido por Alejandro Saavedra Banuet. Está especializada en animacion 3D e efectos visuais. Entre os servizos que ofrece tamén está o traballo en estereoscopia e compositing de vídeo.

Compartir: