MEDIO AMBIENTE

A Selva Negra estará acondicionada a principios do verán

07/04/2010 Os escolares do CEIP Raíña Fabiola plantaron máis de 600 exemplares de pequenas árbores e pequenos arbustos na Selva Negra, que se unen aos preto de 1.000 exemplares autóctonos xa plantados nesta superficie. Con este acto, retrasado por razóns climatolóxicas, celebrábanse os días da Árbore e da Auga, que tiveron lugar os días 21 e 22 de marzo, respectivamente.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acompañou os escolares do Raíña Fabiola nesta plantación e explicou as actuacións que se están a realizar na Selva Negra. Tras rematar a plantación, os rapaces, ataviados para ocasión coas camisetas e gorras promocionais desta campaña, recitaron unha poesía sobre as árbores.

Despois de arrincar os eucaliptos e as acacias, e descubrir e protexer 6.000 pés de carballo, realizouse unha intensa plantación de árbores como teixos, acivros, sanguiños, ameneiros, bidueiros ou estripos. Posteriormente recuperaranse os camiños e as minas de auga, co obxectivo de que este parque "estea acondicionado para o verán" e recobrar así "o seu valor paisaxístico e ecolóxico".

A Selva Negra, con auga de fonte e auga de minas, é un exemplo claro de conxunción de árbores e auga. Situada na aba do Monte Pedroso, abrangue 22 hectáreas dunha valgada pública que pasou despois a mans privadas e que no ano 2007 foi adquirida polo Consorcio de Santiago enriquecendo o patrimonio natural da cidade.

Compartir: