COMERCIO

Promoción Económica desenvolve esta primavera un programa de dinamización e promoción do sector comercial

07/04/2010 O concelleiro de Promoción Economica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a campaña Esta primavera, máiscomercio. Merca en Compostela. A túa capital de compras.

Este programa ten varios obxectivos: dinamizar o comercio compostelá; axudalo nos procesos de innovación, modernizacion, promoción e venda para incrementar a súa competitividade; recoñer a labor dos/as comerciantes no proceso de construción tanto urbanística como económico-social da cidade; premiar a excelencia dos estabelecementos comerciais; e transmitir a importancia do sector á cidadanía. Para a consecución destes fins, desenvolveránse distintas actividades, algunhas enmarcadas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación da Coruña, e outras organizadas pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

As actividades previstas son unha homenaxe ao comercio compostelán, a segunda fase do Plan de Mellora dos Comercios en Activo, a edición de primavera do VII Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, a presentación do estudo Censo de locais de negocio de Santiago de Compostela, a presentación do estudo Hábitos de consumo no Concello de Santiago de Compostela e actividades de formación.

Homenaxe ao comercio de Compostela 2010
Ata o 16 de abril está aberta a convocatoria da Homenaxe ao comercio de Compostela 2010, que ten como obxectivo recoñecer a labor dos comercios homenaxeados, a súa traxectoria ao servizo da clientela, e a achega realizada ao sector comercial, un dos motores da economía compostelá. Poden participar todos os estabelecementos comerciais polo miúdo abertos ao público no Concello de Santiago, excepto os xa homenaxeados en anos anteriores (2006, 2007, 2008, 2009). Unha comisión estudiará as solicitudes de participación presentadas conforme aos criterios obxectivos fixados nas bases. Estas bases e a solicitude de participación pódense consultar e descargar na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org.

Os criterios de valoración serán os seguintes: antigüidade do estabelecemento e que o comercio pasara de xeración a xeración no seo dunha mesma familia desde a súa fundación. Escolleranse cinco comercios, que recibirán unha homenaxe no transcurso da recepción que terá lugar o 28 de abril no Concello de Santiago.

Plan de Mellora para os Comercios en Activo
O Plan de Mellora para os Comercios en Activo divídese en dúas fases ou convocatorias. Á primeira fase, denominada Plans individuais de mellora: cheques de consultaría e desenvolvida no último trimestre do ano 2009, presentáronse 23 solicitudes de participación. Consistiu nun servizo personalizado e gratuíto prestado por profesionais aos comercios inscritos no que se describen as melloras e as posibles solucións ou medidas a adoptar en tres áreas do ámbito comercial: Decoración e interiorismo, Xestión de stocks e planificación de custes, e Análise da oferta comercial.

A segunda fase do Plan contempla unha liña propia de axudas: o Concurso de proxectos. O prazo de inscrición remata o 18 de maio. Outorgaranse nove premios aos mellores proxectos presentados, dentro das categorías especificadas na primeira fase. Os premios serán de 5.000, 2.500 e 1.000 euros en cada unha das tres categorías.

Nesta convocatoria poderán participar, igual que no resto de programas da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, todos os comercios de Compostela, aínda que os estabelecementos avaliados contarán cunha base moi importante para presentar ao concurso: o informe de necesidades e posibles melloras elaborado durante a primeira fase do Plan integral de mellora para os comercios en activo.

VII Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping
O 12 de abril remata o prazo para inscribirse na edición de primavera do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2010. O obxectivo do concurso, que na edición de primavera destina 10.006 euros a premios, é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

Censo de locais de negocio de Santiago de Compostela
O 16 de abril está previsto presentar o estudo Censo de locais comerciais do concello de Santiago de Compostela. Este documento servirá para responder á necesidade detectada pola Concellaría de documentar a situación real dos locais comerciais que existen no concello, en canto a súa ocupación e uso que se lles está a dar. Ao mesmo tempo preténdese dar resposta a cuestións como a evolución no número de establecementos comerciais debido ao actual entorno económico.

Trátase dun inventario dos bens inmobles adicados á actividade comercial en Santiago, así como os dispoñibles en aluguer ou venda. Tamén rexistra as características dos locais comerciais da cidade e o seu uso. Recollerá datos como: nome comercial, actividade, localización, réxime de propiedade, superficie, antigüidade, número de traballadores ou uso das novas tecnoloxías.

Hábitos de consumo no Concello de Santiago de Compostela
O 23 de abril presentarase a Diagnose sobre os hábitos de consumo no Concello de Santiago de Compostela, que ten como obxectivo coñecer a evolución e tendencias nas pautas de consumo da clientela do comercio de Compostela. Isto permitirá, tanto ao comercio xa implantado na cidade como aos potenciais estabelecementos, unha mellor orientación da súa oferta cara o público.

A diagnose, realizadas mediante a técnica de enquisas, analiza aspectos como os hábitos de compra (tipo de compra, tempo adicado, tipo de estabelecemento seleccionado); a caracterización da compra por produto (valoraranse cinco grupos: alimentación e bebidas, téxtil e calzado, artigos para fogar e regalos, sanidade e hixiene e perfumaría, e ocio); valoración dos tipos de estabelecementos comerciais; factores que determinan a eleccións dos produtos; compras fóra do concello; e outras formas de venda (catálogo, internet, TV, prensa); recomendacións da clientela cara o comercio; cambios nos hábitos de compra dos últimos anos; e definición do perfil da clientela tipo (idade, sexo, estudos, estrutura familiar, residencia, etc).

Formación
Finalmente, impartirase formación en idiomas destinada a comerciantes, a través de dous cursos de oito prazas cada un deles. Incluídos no Plan de Formación 2010, presentaranse en breve, en canto se abra a convocatoria.

Compartir: