CONSORCIO

O naturalista David Attenborough, Premio Fonseca de divulgación científica

06/04/2010 O naturalista e divulgador David Attenborough (Reino Unido, 1926), un dos pioneiros nos documentais de natureza, colle o relevo de Stephen Hawking e James Lovelock gañador do Premio Fonseca que convocan o Consorcio de Santiago e a USC ao amparo do Programa ConCiencia.

Cunha carreira profesional de case cinco décadas, Attenborough é hoxe unha figura respectada dos programas sobre natureza e historia natural. Tal é o seu impacto, que existen catro especies de animais e plantas que levan incorporado o seu nome: o dinosauro Attenborosaurus conybeari, o peixe fósil Materpiscis attenboroughi, o equidna Zaglossus attenboroughi e a planta filipina Nepenthes attenboroughii.

O seu labor de divulgación, fundamentalmente a través de documentais televisivos, foi valorado por un xurado composto polo reitor Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director do Instituto de Medicina Xenómica e Premio Jaume I de Investigación Médica, o catedrático da USC Ángel Carracedo; o director do programa Banda Ancha da Radio Galega e da revista Código Cero, Xosé María Fernández Pazos; a profesora da Universidade Politécnica de Cataluña e directora do Programa Nacional Ciencia en Acción, Rosa María Ros Ferré; e o director técnico da Casa das Ciencias da Coruña, Marcos Pérez Maldonado.

En datas próximas, David Attenborough virá a Santiago a participar nunha serie de actos públicos –condición sine qua non para recibir o premio dotado con 6.000 euros netos- e recoller o correspondente diploma acreditativo e unha reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada polo escultor Ramón Conde.

David Attenborough
Existen poucos lugares no globo que Attenborough non visitase na súa ansia por describir a vida no planeta. Comezou a súa carreira na BBC en 1952, dando o salto ás expedicións por todo o mundo que o farían famoso coa serie Zoo Quest (1954-1964), na que daba renda solta á súa paixón por capturar as pegadas da vida salvaxe no seu hábitat natural.

Mais é a partir de 1979 cando se consagra como a principal figura mundial na realización de programas de televisión sobre natureza. Nese ano dirixiu e presentou a serie máis ambiciosa que xamais se fixera sobre a vida animal, Life on Earth da BBC, que foi vista por máis de 500 millóns de persoas e marcou un antes e un despois na divulgación científica na televisión.

A estas seguíronlle outras moitas da serie Life, da Unidade de Historia Natural da BBC, nas que se amosaba a vida natural como nunca antes se vira e non exenta de polémica (con imaxes de baleas asasinas cazando leóns mariños ou chimpancés matando monos doutras especies).

O seu labor divulgativo vese complementado con máis de 20 libros. Como naturalista é unha das principais figuras públicas na defensa do medio ambiente.

Á marxe desa actividade, Attenborough destaca tamén polo seu importante rol directivo na televisión británica. Entre 1965 e 1968 dirixiu a BBC Two e o ano seguinte pasou a ser director de Programación da BBC ata 1972. En 1973, cando o seu nome soaba con forza como director xeral da cadea, decidiu abandonar os labores directivos e volver á súa faceta de creador de documentais e escritor.

Ao longo da súa carreira recibiu os máis altos recoñecementos científicos, entre os que se atopa o Premio Descartes de comunicación da ciencia da Unión Europea na súa primeira edición e o Premio Príncipe de Asturias 2009 de Ciencias Sociais.

Compartir: