PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica e Caixa Galicia ofrecen formación a persoas emprendedoras para elaborar o plan de empresa

05/04/2010 Abriuse o prazo para inscribirse na terceira edición do curso gratuíto Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e pola Obra Social Caixa Galicia. A acción formativa enmárcase no Servizo de Apoio á Empresa que ofrece Promoción Económica, e que ten como obxectivo apoiar á empresa, ao comercio e as persoas emprendedoras do Concello de Santiago.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 29 de abril, directamente a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, ou ben poden cubrir un formulario de solicitude e entregalo en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. Este formulario pódeno solicitar no mesmo rexistro, nas oficinas de Promoción Económica, ou baixalo da súa páxina web.

O curso conta con contidos prácticos relacionados coa creación de empresas. Está dirixido a persoas cunha idea de negocio ou que estean valorando a posibilidade de iniciar unha actividade de autoemprego e queiran valorar a súa viabilidade. Ademais da formación, proporcionarase atención personalizada a cada participante para axudarlle a traballar sobre o seu proxecto empresarial ou de autoemprego. Tamén se lles facilitará aos asistentes unha aplicación informática para elaborar o plan de empresa e analizar a viabilidade económica e financeira dos seus proxectos. Este apoio complementarase cunha titoría individual de asesoramento empresarial por alumno/a ao remate do curso.

As persoas que precisen financiamento y finalicen o seu Plan de Empresa con resultado viable, poderán solicitar un Microcrédito Caixa Galicia. Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito conta con 15 prazas dispoñibles e unha duración de 20 horas. Realizarase nos días 3, 4, 5 e 6 de maio en horario de 16 a 20 horas. O 7 de maio proporcionaranse titorías individuais de asesoramento a cada participante.

Compartir: