ALCALDÍA

Santiago, protagonista nas festas da Pascua de Padrón

05/04/2010 Como vén acontecendo dende hai anos, a Corporación municipal desprazouse á localidade veciña de Padrón para vivir o día dedicado á nosa cidade nas Festas da Pascua.

A delegación compostelá foi recibida polo alcalde padronés, Camilo Forján e polo resto da Corporación. Non faltou o protocolario intercambio de bastóns nin a tradicional saída ao balcón para saudar aos veciños e para escoitar as notas interpretadas polas bandas municipais de Padrón e Santiago.

Durante as intervencións na Casa do Concello padronesa recordáronse os lazos que unen ás dúas vilas e falouse sobre a celebración deste Ano Xacobeo, da que Padrón é parte fundamental, tanto dende o punta de vista histórico, por ser o lugar de chegada dos restos do Apóstolo, como por ser punto de paso do Camiño portugués.

A tradicional irmandade entre Santiago e Padrón ten a súa correspondencia co Día de Padrón que cada ano se celebra no marco das festas do Apóstolo. Estes dous días son sempre un bo motivo para reafirmar os lazos entre as dúas vilas, que se estenden a ámbitos coma o medio ambiente, a cultura ou o turismo.

Compartir: