MEDIO AMBIENTE

Compostela acollerá a primeira xornada de traballo do Proxecto Parques Urbanos Atlánticos-ParkAtlantic

29/03/2010 A cidade será escenario o 8 e 9 de abril da constitución e primeira xornada de traballo do comité directivo do proxecto Parques Urbanos Atlánticos-ParkAtlantic, pertencente ao programa INTERREG-UV B Cooperación Transnacional do Espazo Atlántico. Este proxecto está liderado pola Concellaría de Medio Ambiente e nel participan como parceiros a Mairie d’ Angers (Francia); Mid-West Regional Authority (MWRA areas of Counties Clare, Limerick & North Tipperary and Limerick City) (Irlanda); Communauté d'agglomération Pau-Pyrénées (Francia) e Câmara Municipal de Porto (Portugal).

As xornadas comezarán coa recepción institucional ás entidades asociadas ao proxecto, para, de seguido entrar a debater o acordo de cooperación entre elas, delimitando os seus dereitos e obrigas, as canles de comunicación interna entre parceiros e os termos nos que se implantará o software de xestión en rede do Proxecto. No decurso do encontro procederase á elección do Comité de Dirección do proxecto, órgano que estará composto por un representante de cada un dos socios. Este Comité reunirase como mínimo tres veces ao ano e ten como principal cometido encargarse do desenvolvemento e implementación das actuacións previstas no Proxecto ParkAtlantic.

Durante a súa estadía en Santiago as delegacións (representantes de cidades/áreas metropolitanas que teñen en común con Compostela tratarse de cidades universitarias, contar cunha ampla rede de recursos naturais e parques urbanos e un importante patrimonio histórico-artístico), participarán en visitas guiadas aos Parques de Compostela e á Cidade Histórica, ao tempo que terán a oportunidade de coñecer a realidade sociocultural da cidade e o papel do Camiño de Santiago como vía de diálogo intercultural.

ParkAtlantic, un proxecto europeo ao abeiro do Interreg IV-B
ParkAtlantic é un proxecto europeo financiado ao abeiro do Programa Interreg IV-B/ Cooperación Transnacional do Espazo Atlántico que ten como obxectivo promover as sinerxías transnacionais na posta en valor dos espazos naturais e do patrimonio cultural atlántico de interese transnacional. Liderado pola Concellaría de Medio Ambiente, prevé un investimento total até 2013 de 1.301.170 euros, dos que o 65% (845.761 euros) procede dos fondos FEDER.

Trátase dun proxecto que pretende identificar e inventariar os recursos naturais urbanos e periurbanos, as súas potencialidades e as súas carencias, as melloras que deberían completar, o deseño dunha estratexia de promoción dos parques urbanos como elementos turísticos que complementen a oferta cultural e patrimonial das nosas cidades e tamén para converter os parques urbanos e periurbanos en aulas da natureza para nenos e mozos a modo de unidades didácticas ao aire libre.

Compartir: