PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Rematan o Camiño de Santiago preto de 400 alumnos do IES Séneca de Córdoba no marco do programa Ruta Xacobea 2010

25/03/2010 Despois de percorrer uns 120 quilómetros de diferentes tramos do Camiño de Santiago, chegaron á súa meta preto de 400 alumnos de entre 12 e 18 anos do IES Séneca de Córdoba, acompañados por docentes e pais. Esta expedición enmárcase no proxecto Ruta Xacobea 2010, posto en marcha pola Delegación de Educación da Junta de Andalucía.

Á súa chegada en Santiago, os camiñantes foron recibidos pola concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e pola delegada de Educación do Goberno andaluz, Antonia Reyes Silas. Logo, estas mantiveron un breve encontro cos pais e docentes que acompañaban á expedición.

Rematou así unha ruta desenvolvida en sete etapas duns 20 quilómetros cada unha. Non percorreron o Camiño de xeito ininterrompido, senón que realizaron tramos en distintas provincias, seleccionando aqueles mellor adaptados aos obxectivos do programa.

Esta iniciativa toma como referencia os valores que fan única a Ruta Xacobea e que atraen a milleiros de peregrinos de todo o mundo. O Camiño Francés xa lles servira de referencia para unha experiencia en 2006. Agora percorreron tramos da Vía da Prata, do Camiño Portugués e do Sanabrés antes de chegar a Compostela.

Entre os obxectivos que se marca o proxecto Ruta Xacobea 2010 está promover os valores de convivencia, cooperación e respecto entre os distintos membros da comunidade escolar. Tamén se quería fomentar a valoración da actividade física e dunha boa alimentación para o desenvolvemento integral da persoa. Xa no eido cultural, a ruta promoveu entre os alumnos o coñecemento, aprecio e respecto polo medio natural e polo patrimonio histórico-artístico.

Compartir: