CULTURA

Odaiko Percussion Group presenta o seu novo traballo no Teatro Principal

25/03/2010 O venres 26, ás 21:30 horas, no Teatro Principal, Odaiko Percussion Group presenta o seu novo traballo, Galician on Board. Segundo explicou a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, o espectáculo forma parte da iniciativa de "ceder espazos para facilitar a presentación de últimos traballos", como é o caso do de Odaiko.

O nome do grupo, formado en Holanda en 2003 por licenciados en percusión clásica, contemporánea e jazz no Conservatorio de Amsterdam, no Real Conservatorio da Haia e na Universidade da Baía, procede dun instrumento xaponés, variante voluminosa do Taiko, de 1,2 metros de diámetro e 1,5 de profundidade e que precisa tres persoas para tocalo.

Así, Odaiko está especializado na interpretación "de música tradicional e multiétnica na vertente de percusión", explicou García Conde, para o que emprega instrumentos de todo o mundo, tamén tradicionais galegos. A concelleira estivo acompañada de dous membros de Odaiko, Xiana Lastra, responsable de comunicación, e Juan Collazo, director artístico, quen explicou que o espectáculo consistirá nunha serie de sketches entrelazados por unha voz en off.

"Vai ser unha actuación chea de humor, estilismo e virtuosismo", explicou Collazo, quen resaltou a intensa preparación que requiren os seus espectáculos, tanto física -definiu o grupo como "ximnastas"- como psicolóxica, cunhas composicións que son ao 100% "propias e homoxéneas", con achegas de todos os integrantes.

Odaiko está formado por Juan Collazo, Antonio Ocampo, Lester Rodríguez, Paulo Silva e Ton Risco. O seu último traballo, Galician on Board, contou coa colaboración de Guadi Gallego e de Xosé Manuel Budiño.

As entradas do espectáculo custan 5 euros, e tamén se pode adquirir conxuntamente co disco por 10 euros en total. A billeteira do Teatro Principal estará aberta a partir das 18:00 horas do mesmo venres.

Documentos relacionados



Compartir: