EDUCACIÓN

O Premio Compostela de Álbum Ilustrado preséntase na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña

24/03/2010 Kalandraka vai presentar o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado na 47ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que se celebra na cidade italiana. O acto celebrarase o xoves 24 e asistirán editores, axentes literarios, autores e ilustradores, tradutores e especialistas en literatura infantil e xuvenil de todo o mundo.

O Premio Internacional Compostela -organizado pola Concellería de Educación e por Kalandraka- xa vai pola súa terceira edición e, precisamente, vén de pecharse o prazo de recepción de orixinais. Ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago chegaron máis de 500 traballos, se ben o número oficial de obras que entran en concurso porque se axustan ás bases é de 498, procedentes de 16 países. Esta cifra supera con creces o volume de proxectos de edicións anteriores: na convocatoria de 2008 recibíronse 335 traballos de 16 países e na de 2009 foron un total de 280 obras de 22 países.

Por número de candidatos da presente edición, 252 orixinais dos 498 proceden de España, seguida de Italia con 89, Arxentina con 26 e Portugal con 22. Outros países dende os que tamén se enviaron proxectos foron México, Francia, Alemaña, Brasil, Romanía, Hungría, República Checa, Estados Unidos, Xamaica, Colombia, Ecuador e Bolivia. O fallo do xurado do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado darase a coñecer o 6 de abril, posto que o 2 de abril (Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil), como estaba previsto, cadra en plena Semana Santa.

O encontro "O Premio Compostela, un camiño en sete linguas", que Kalandraka vai celebrar na Feira Internacional do Libro de Boloña, servirá para presentar as obras gañadoras das dúas primeiras edicións: Cerca, da arxentina Natalia Colombo, e Un gran soño, do mexicano Felipe Ugalde. Ambas foron editadas en galego, castelán, catalán, euskera, portugués, inglés e italiano; os sete idiomas nos que tamén se publicará a obra que gañe a terceira convocatoria. Mais tamén servirá para amosar álbums finalistas do certame que se chegaron a editar: A nube de Martín, Ovelliña dáme la e O tempo voa.

Compartir: