CULTURA

Curtocircuíto presenta un programa de curtas para colexios

24/03/2010 Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, que organiza a Concellaría de Cultura, contará con tres programas de curtametraxes destinadas ao público infantil e xuvenil. O programa para público novo vense realizando dende hai 4 anos cun enorme interese por parte de colexios e institutos composteláns, que aproveitan o festival para que os máis novos tomen contacto co mundo das curtas.

Nesta sétima edición de Curtocircuíto as actividades realizaranse durante os días 24, 25 e 26 de maio, en horario lectivo, polas mañás, dende as 11:30 ata as 13:00 horas, e terán como sede o Teatro Principal. As curtas agrúpanse por franxas de idade. Así, o luns 24 estará dedicado aos máis cativos, nenos de entre 6 e 11 anos. Para eles curtas da categoría de El ultimátum evolutivo, de Pablo LLorens, gañador de dous Goyas, de temática ecolóxica ou o premiado Cherry on the cake, entre outros.

No martes 25, a programación céntrase en nenos de 11 a 14 anos con curtas como Granny O Grimm's Sleeping Beauty, nominada como mellor curta de animación na última edición dos Óscar. Tamén teremos curtas de produción galega, como é o caso de A nena que tiña unha soa orella, na que se tratan temas como a tolerancia e o respecto ante a diferenza.

O último dos programas foi deseñado ao gusto dos que xa non son tan cativos, rapaces de 14 a 18 anos. O mércores 26 proxectaranse títulos como La Dama y la Muerte, gañadora do premio á mellor curta de animación na pasada edición dos Goya.

Os rapaces recibirán ademais un caderno de actividades elaborado polo festival, co que poderán seguir traballando coas curtametraxes na aula e onde se lles presentarán cuestións relacionadas coas técnicas cinematográficas, pero tamén cos valores, costumes e tradicións doutros países.

As escolas galegas interesadas en participar aínda poden poñerse en contacto coa organización a través da páxina web www.curtocircuito.org.

Compartir: