CONSORCIO

The Sixteen Choir & Orchestra inaugurará o Festival de Músicas Contemplativas coa "Misa en si menor" de Bach

24/03/2010 Sete igrexas da cidade histórica de Santiago de Compostela xa están preparadas para acoller a próxima edición do Festival de Músicas Contemplativas. En total serán 15 concertos nos que se darán cita tradicións musicais de oriente e occidente, nunha sorte de diálogo cultural.

Na programación inicial estaba previsto que inaugurase o festival o grupo The New London Consort, pero por motivos de saúde do seu director, Philip Picket, víronse obrigados a cancelar a súa participación. No seu lugar, actuará o grupo de música antiga The Sixteen Choir & Orchestra, que chegará a Santiago acompañado do seu director, Harry Christophers, para interpretar unha das mellores composicións relixiosas de Bach, a Misa en si menor.

The Sixteen están recoñecidos como uns dos mellores intérpretes de música sacra. A magnitude do programa, no que participará unha orquestra de cámara, o coro e sete solistas, obrigou a retrasar o inicio do segundo concerto previsto para a xornada inaugural do Festival, polo que o concerto da vietnamita Houng Thanh comezará ás 22:40 horas na igrexa da Universidade.

Seis días da mellor música
O Festival de Músicas Contemplativas é unha iniciativa cultural ligada ao patrimonio da cidade histórica de Santiago, creado e organizado polo Consorcio de Santiago, e que, este ano, conta coa colaboración da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Entre o 29 de marzo e o 3 de abril as igrexas de San Martiño Pinario, convento do Carme, San Francisco, San Paio de Antealtares, Ánimas, Universidade e a capela do Hostal dos Reis Católicos acollerán diferentes concertos de grupos instrumentais e solistas vocais de Europa, Asia e América, representantes de diferentes tradicións musicais, e cuxas músicas soarán en latín, grego, hebreo, árabe ou mongol, entre outras linguas. Os artistas proceden de Inglaterra, Vietnam, Francia, Mongolia, India, Exipto, Finlandia, Azerbaixán, Irán, Italia, Ouzbekistán e Estados Unidos. Deste xeito, durante seis días, a cidade histórica compostelá encherase das músicas de Bach, Purcell ou Haendel, o Oficio de Tinieblas de Couperin, a tradición espiritual vietnamita, as antigas polifonías do Mediterráneo, o espírito mongol de Urna, a poesía do Raxasthan, os cantos sufíes do Alto Exipto, a música barroca dos países bálticos, a música espiritual de Azerbaixán ou a poesía mística persa.

Ademais de The Sixteen e Houng Thanh, que abrirá o Festival o 29 de marzo, o martes 30 será a vez de Fretwork Ensemble (Inglaterra), de Les Éléments (Francia) e da cantante procedente de Mongolia Urna. O 31 de marzo as igrexas de San Martiño Pinario, Ánimas e Universidade acollerán os recitais de, respectivamente, Divana Ensemble (India), Enma Kirby & London Baroque (Inglaterra) e Sheikh Taha (Exipto). O 1 de abril actuarán a Helsinki Baroque Orchestra, o Hilliard Ensemble e o grupo procedente de Azerbaixán Alim & Fargana Qasimov. O 2 de abril, a capela do Hostal dos Reis Católicos será escenario para a música e a poesía mística persa de Parissa. Tamén nesa xornada actuarán Il suonar parlante (Italia) e o Monâjat Yultchieva (Ouzbekistán). Finalmente, o 3 de abril pechará o festival a agrupación Kenneth Weiss, de Estados Unidos.

Compartir: