URBANISMO

Visto bo a 174 novas vivendas no SUD-7 de Vite de Arriba

23/03/2010 A Xunta de Goberno municipal aprobou inicialmente o Plan parcial de ordenación do SUD-7 de Vite de Arriba. Alí prevese a construción dun máximo de 174 novas vivendas, das que 134 serán libres e o resto de protección oficial.

Os detalles deste proxecto residencial foron presentados en rolda de prensa pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, acompañada pola responsable da área de Urbanismo, Berta Rosón. A edil resaltou o deseño deste Plan, obra dos arquitectos Ángel Alonso e Xerardo Estévez, por ser "moi respectuoso", dentro da "topografía delicada" deste ámbito. Cualificou o proxecto de "gran calidade, tanto polo trazado urbano como no aspecto arquitectónico".

Neste ámbito construiranse vivendas plurifamiliares libres e de protección e unifamiliares adosadas e illadas. A superficie do ámbito alcanza os 60.216 metros cadrados, dos que 24.086 serán de superficie construída. Destacou a concelleira a reserva de 11.520 metros cadrados para zonas verdes e libres. Entre estes espazos verdes, inclúense uns máis periféricos e outros no propio ámbito.

Ademais, están previstos 3.550 metros cadrados para uso comercial e contémplanse dúas pezas de uso hoteleiro que, polo seu deseño, permitirán o tránsito peonil por debaixo delas. Respecto do trazado viario, Mercedes Rosón destacou que conectará perfectamente o ámbito coa zona de equipamentos de Vite.

Recordou a concelleira que este Plan parcial obrigou a unha modificación parcial do Plan Xeral de Ordenación Municipal para resolver da mellor maneira as conexións da zona norte. Esta modificación está unicamente pendente dos informes sectoriais para ser sometida á aprobación provisional polo Pleno municipal, tras a cal se solicitará a aprobación definitiva pola Xunta de Galicia.

Compartir: