XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de estacionamento público en Salgueiriños

23/03/2010 A Xunta de Goberno aprobou diversas contratacións, boa parte delas relativas a obras e actuacións contempladas no Fondo Estatal para a Sostibilidade Local. Á marxe destas, salienta o visto bo proxecto do aparcadoiro público en Salgueiriños.

A aprobación do proxecto de rehabilitación do aparcadoiro público en Salgueiriños dá paso á apertura do proceso de contratación das obras, cun tipo de licitación de 497.374 euros. O Consorcio de Santiago financiará esta actuación.

Na outra parte da explanada de Salgueiriños, a da zona verde no contorno do río Corvo, vaise levar a cabo un proxecto de recuperación. Na mesma sesión adxudicouse definitivamente o servizo de estudo preliminar e elaboración do anteproxecto desta actuación, por un importe de 18.496 euros máis IVE.

Igualmente en materia de contratos, adxudicouse definitivamente o das obras de reforma interior do inmoble que acollerá a escola infantil do parque do Hórreo (Tras Parlamento). O importe desta obra é de 263.000 euros, gasto con cargo ao convenio de cooperación entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello. Tamén no ámbito educativo, adxudicouse definitivamente o contrato de xestión da escola municipal de música, por importe de 207.905 euros, e provisionalmente o contrato da adecuación da ludoteca de Fontiñas, por 85.114 euros.

Outro dos contratos sobre que se iniciou o expediente foi o da prestación do servizo de mantemento, conservación e nova instalación de sinalización horizontal e vertical do termo municipal de Santiago, cun orzamento máximo de 224.102 euros/ano sen IVE. Finalmente, contratáronse redaccións de proxectos e direccións facultativas de varias das actuacións do Fondo Estatal para a Sostibilidade Local.

Rehabilitación
A Xunta de Goberno aprobou tamén a contratación do estudo de detalle do desenvolvemento da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Quiroga Palacios (Pontepedriña). Serán os arquitectos Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez os que se encarguen de redactalo nun prazo máximo de dous meses. O orzamento é de 10.855 euros máis IVE.

Xa que as intervencións para dotar de accesibilidade aos edificios consisten fundamentalmente na incorporación de elevadores exteriores, localizados no espazo público, faise necesario este estudo de detalle para poder desafectar o devandito espazo público e autorizar as licenzas.

Medio Ambiente
Ademais, acordouse a colocación dun conxunto escultórico de Soledad Penalta no parque da Ponte Pereda. Son tres pezas que pretenden resaltar a celebración da denominada Festa da Cabra, organizada para promover a memoria do Banquete de Conxo, celebrado en 1856.

Documentos relacionados



Compartir: