ALCALDÍA

Sánchez Bugallo promociona Santiago e o Xacobeo en Bruxelas coincidindo cos 25 anos das capitais europeas da cultura

22/03/2010 Aproveitando a celebración do 25 aniversario das capitais europeas da cultura, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña; o catedrático de Historia Medieval, Fernando López Alsina; e a directora de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, presentou na Fundación Galicia Europa, en Bruxelas, o proxecto Santiago-Une. Estas actividades enmárcanse no Plan de Difusión Exterior de Compostela 2010 do Concello de Santiago.

Na sede da institución foi inaugurada a exposición fotográfica que leva o mesmo nome, coa asistencia de numerosos convidados, entre eles o embaixador de España en Bélxica, Carlos Gómez-Múgica; o secretario xeral da Cámara de Comercio de España en Belxica e Luxemburgo, Enrique Puértolas; o presidente do Centro Galego, Miguel Palomo e representantes de Turespaña. Acompañou á delegación compostelá na presentación do acto o director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo.

Á exposición accédese por un arco que emula a Porta Santa, como sabemos soamente aberta cando é Ano Santo. Está conformada por 19 fotografías que fan un percorrido polos lugares e símbolos máis emblemáticos do Santiago Xacobeo, dende a chegada de dúas peregrinas a Lavacolla ata a entrada na Catedral, pasando polas rúas e prazas máis típicas da capital de Galicia. Amosa tamén o campus universitario, o esplendor dos fogos do Apóstolo, o Museo do Pobo Galego, a vida cultural da cidade...

Está previsto que o alcalde participe o martes 23 nun almorzo de traballo co Intergrupo Parlamentario do Camiño de Santiago e nun encontro co vicepresidente do Parlamento Europeo, Gianni Pittela, na sede do mesmo. Ademais, entre outras visitas e actividades, asistira á sesión de apertura dos actos de conmemoración do 25 aniversario das Cidades Europeas Capital de Europa, que abrirá o presidente da Comisión Durao Barroso. Pola súa banda, o concelleiro de Relacións Institucionais, xunto con Alsina e Calatayud darán unha conferencia no Instituto Cervantes baixo o lema "Compostela 2010, Ano Xacobeo".

Santiago-Une
O proxecto ten por obxectivo, partindo da base da xénese medieval do Camiño de Santiago e o seu papel como integrador e promotor da identidade europea e os seus valores, amosar a súa potencialidade para ofrecer unha rede que reflexione sobre o futuro de Europa. Trátase de fomentar entre a cidadanía, a través de accións conxuntas, especialmente entre a mocidade, o diálogo intercultural que permita impulsar o sentido de pertenza á Unión Europea.

O Ano Santo 2010, de grande importancia para a cidade de Santiago, coincide co primeiro semestre de 2010 de Presidencia da Unión Europea. Ademais, Europa celebra o 60 aniversario da Declaración Schumann, que supuxo o primeiro paso cara á unión das cidades en busca dunha Europa única.

Tras estar presente en Narni, Asís e Bruselas, o Concello de Santiago seguirá a coordinar eventos noutras cidades, tratando de maximizar a colaboración de todas as cidades socias, e que ata os seus cidadáns chegue a idea de coñecemento do Camiño como promotor de valores europeos e de unidade de Europa; así como parte da historia e do acervo cultural europeo, sendo o Camiño un dos alicerces fundamentais nos que este se cimentou.

As cidades socias de Santiago une a Europa son en Italia, Asís e Narni; en Portugal, Santiago do Caçem; en Francia, Rennes; en España, Córdoba e en Alemaña, Ratisbona.

Compartir: