CENTROS SOCIOCULTURAIS

Remodélase a Rede Municipal de Centros Socioculturais para mellorar os seus servizos

22/03/2010 Mellorar a organización dos centros e locais socioculturais, cubrir as novas necesidades e intereses, achegar a oferta cultural ás zonas rurais e favorecer a participación das asociacións nestes centros. Estes son os obxectivos que persegue a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais coa remodelación da Rede Municipal de Centros Socioculturais.

Despois dun longo traballo interno, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou algunhas das reformas nas que están a traballar os técnicos culturais do Concello para "poder levar a oferta cultural a aqueles centros onde non a había". A situación existente, "cunha rede composta por case 50 centros, en condicións moi diversas e cunha falta clara de persoal", fixeron precisa esta remodelación, "coa que perseguimos mellorar a organización da Rede e cubrir as novas necesidades", explicou a concelleira. A pesar dos primeiros pasos que se deron "creando novos programas, reforzando outros, distribuíndo folletos informativos dos ciclos ou estudando modificacións na web para que sexa máis eficaz e áxil", viuse a necesidade de facer un cambio máis global.

"O primeiro paso consistiu en facer unha planificación dos recursos bastante complexa" que permitise dividir os centros polos servizos que presta e, ao mesmo tempo, "abordouse unha ordenación lóxica para que os locais que dependían dos centros de cabeceira, se dirixisen ao máis próximo", aclarou García Conde. Deste xeito, elaborouse un documento que divide os Centros e Locais Socioculturais en distintos graos atendendo aos servizos cos que conta, como biblioteca, ludoteca, aula de informática ou horas de animación. "Nós queremos que todos vaian medrando cara o tipo 1, pero non temos máis recursos" manifestou.

Así mesmo, os centros reorganizáronse por áreas territoriais, atendendo á súa tipoloxía e aos cincos técnicos existentes para xestionar os 43 espazos. Distínguese a zona A que, tendo como centro referente ao CSC de Vite, acolle os LSC de A Gracia, Romaño, Almáciga, Casa Agraria de Meixonfrío, Santa Cristina de Fecha, Vista Alegre, Brañas de Andrés e Guadalupe; a zona B, co CSC de Fontiñas á cabeza, acolle o CSC Trisca, LSC de Amio, Cancelas, Casco Histórico, Bando, Viso e Lavacolla; a zona C, co CSC de Conxo, do que dependerían o CSC da Choupana e os LSC da Rocha, Villestro, Vidán, Laraño, Figueiras e San Lourenzo; a zona D, co CSC do Castiñeiriño como centro de cabaceira para os LSC de Marrozos, Pontepedriña, Eixo-Bornais, Sar, Cardenal Quiroga e Aríns; e por último os da zona E, cos LSC de Lamascal, Marantes, Grixoa, Enfesta, Peregrina, Busto, Nemenzo, Berdía, César e San Xulián de Carballal, dependentes do CSC do Ensanche.

Para levar a cabo estas dúas reorganizacións tamén se tiveron en conta os requisitos sobre as súas tipoloxías construtivas, que cumprirán os novos centros programados, o de Santa Marta, "cuxas obras están en proceso de licitación"; o do Romaño-Vista Alegre, "cuxos pregos de condicións para o proxecto de construción estanse elaborando"; o de Brañas de Andrés, "rematado recentemente e que vai ser integrado na Rede"; e o de Lavacolla, "pendente de tramitarse o seu acondicionamento por parte da Deputación", anunciou Socorro García Conde.

Deste laborioso traballo sobre os Centros Socioculturais concluíuse que era preciso "destinar unha partida específica para o mantemento constante dos centros", e mellorar "os equipamentos dos centros" detallou.

Un novo regulamento
En paralelo a este proceso, estase elaborando un novo regulamento dos centros culturais que "inclúe a reordenación xeográfica e a súa reorganización, pero no que ademais recollemos a demanda das asociacións, en relación a que a súa participación teña máis peso pola súa relación xeográfica ao centro que pola súa relación sectorial", aclarou a edil.

Tamén se indica neste regulamento que "cada centro que conte con dúas asociacións creará un Consello de Centro e enviará a un representante escollido para formar parte do Consello de Centros", que na actualidade "está funcionando cunha representación menor da que deberían ter", manifestou Socorro García Conde, quen engadiu que "será un Consello moi grande, menos burocrático, máis áxil pero sobre todo de moita representación social".

Compartir: