EDUCACIÓN

Educación afronta obras nos centros educativos por importe de 900.000 euros

22/03/2010 Despois de ter realizado un informe detallado de todas as necesidades dos centros educativos, a Concellería de Educación atenderá boa parte das mesmas grazas a unha serie de obras incluídas no Fondo Estatal para a Sostibilidade Local. Serán 900.000 euros os que se invistan nunhas actuacións que afectarán aos centros de infantil e primaria, ás escolas rurais e ás escolas infantís de titularidade municipal.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou este plan de obras, que se suma ás obras que xa realiza o Concello mediante o seu plan de mantemento ordinario anual e ás que poida realizar a propia Consellería de Educación, á que se lle presentou o informe das necesidades. Realizaranse obras en 16 centros, xa que non se inclúen nin o novo CEIP Ramón Cabanillas, que estará listo para o vindeiro curso, nin o CEIP Quiroga Palacios, recentemente renovado integralmente.

Apuntou Mercedes Rosón que serán os centros Arquitecto Casas Novoa (A Sionlla) e Rodríguez Xixirei (Lavacolla) os que sexa sometidos a un programa de obras máis intenso. Así, entre outras actuacións, inclúese a substitución do pavimento dos campos de xogo.

Tamén se realizarán obras nos CEIP Apóstolo Santiago, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Roxos Villestro e Vite; nas escolas infantís de Conxo e de Fontiñas, e nas escolas rurais de O Gaioso (Eixo), O Rial (Laraño) e O Sisto (Marrozos). No caso destes centros do rural, a Concellería está en negociacións coa Deputación da Coruña para que este organismo poida realizar obras nos cerramentos, dada a súa proximidade a estradas.

Ademais dos 900.000 euros destinados a estas obras, tamén se incluíron nos Fondos Estatais para a Sostibilidade Local gastos ordinarios por importe de 90.000 euros e outros 38.000 destinados a sufragar o custo das escolas de verán.

Documentos relacionados



Compartir: