PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A mostra "As Misións Pedagóxicas 1931-1936" convida a reflexionar sobre os efectos desta avanzada iniciativa cultural

18/03/2010 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, inaugurou na Casa das Asociacións a exposición As Misións Pedagóxicas 1931-1936. O acto serviu tamén para que os veciños de Compostela lle renderan unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo.

Neste acto inaugural, ademais da concelleira, participou o comisario da mostra, Eugenio Otero Urtaza, quen pronunciou unha conferencia. A exposición é un proxecto da Fundación Francisco Giner de los Ríos e está producida pola Residencia de Estudiantes. Nela colaboraron a Concellería de Participación Cidadá e o Museo Pedagóxico de Galicia.

A historia da Misión Pedagóxica de Galicia arrinca o 11 de agosto de 1933, baixo a dirección de Rafael Dieste. Comezaba unha viaxe que duraría seis meses e que percorrería as catro provincias galegas. Foi a actividade de maior duración de todas as que realizou o Padroado das Misións Pedagóxicas, que fora creado polo Goberno republicano o 29 de maio de 1931, co obxectivo de levar aos lugares máis afastados uns bens culturais que lles pertencían por dereito a todos os españois e non só aos que vivían nas cidades.

Esta exposición divídese en varios epígrafes que percorren dende os antecedentes desta experiencia ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: o Servizo de Bibliotecas, o Museo do Pobo, o Cine, o Coro e Teatro do Pobo, o Servizo de Música ou o Retablo de Fantoches, que naceu en terras galegas. Os habitantes das aldeas e das vilas ás que chegaron as Misións, así coma os intelectuais, pintores, escritores ou mestres que colaboraron nesta iniciativas, son os protagonistas da mostra.

A exposición tamén quere reflexionar sobre o que supuxeron as Misións Pedagóxicas para aquela mocidade de entón e o corte que produciu nas súas biografías o estalido da Guerra Civil. Por iso, tamén están programadas paralelamente mesas redondas, abertas ao público, coa participación de destacados representantes de ámbitos pedagóxicos, da historia da arte e da creación cultural, así como visitas guiadas para estudantes universitarios e de secundaria.

Homenaxe a Isaac Díaz Pardo
No marco da apertura desta mostra realizouse un acto de homenaxe veciñal a Isaac Díaz Pardo, ilustre compostelán amplamente coñecido e apreciado por todos e que ten recibido ao longo da súa vida numerosas distincións e recoñecementos institucionais nacionais e internacionais. Así se acordara no Consello de Relacións Veciñais do pasado 23 de febreiro a proposta dos representantes das asociacións veciñais. En nome destes falou na rolda de prensa José Martínez. Dáse a circunstancia de que o propio Díaz Pardo achegou fondos a esta exposición.

Preto de 100 veciños responderon á invitación da Concellería de Participación Cidadá e participaron neste recoñecemento a Díaz Pardo, que tivo continuidade máis tarde cunha cena homenaxe no Restaurante A Costela de Román.

Compartir: