ALCALDÍA

Cento once ciclistas para unha singular e breve acción musical

18/03/2010 O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) dáse a coñecer cun peculiar acto público, denominado Acción fuxidía para 111 ciclistas. Será o domingo, 21 de marzo, ás 12:00 horas, cando os ciclistas interpreten una peza musical no traxecto que vai dende a rúa Xoán XXIII ata a praza do Obradoiro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta singular acción acompañado do músico do TAC Luis Soto. O Concello tamén quixo colaborar con esta iniciativa, polo que o servizo de alugueiro de bicicletas estará dispoñible para aqueles que queiran participar e non dispoñan dunha.

O obxectivo é reunir ás 11:00 horas para o ensaio xeral e logo unha hora despois para a acción a 111 ciclistas. Deberán vestir pantalón negro e camisa branca, e as bicicletas terán que dispor de timbre ou bucina. Os ciclistas interpretarán con estes instrumentos sonoros a peza "Eine Brise", de Mauricio Kagel, que fai referencia ao "Opus 111 de Beethoven". O público asistirá a este breve espectáculo, duns 90 segundos, a carón da Facultade de Medicina.

Esta actividade serve para presentar o Taller Atlántico Contemporáneo, unha formación de músicos galegos de prestixio que dirixe Diego García Rodríguez que ao longo deste 2010 ten previsto ofrecer seis concertos no Centro Galego de Arte Contemporánea. O repertorio universal para Ensemble moderno e contemporáneo é a base do seu repertorio, ademais dun compromiso coa recuperación, creación e interpretación da obra de compositores galegos.

Direcciones relacionadas



Compartir: