MEDIO AMBIENTE

O Concello celebra os días da Árbore e da Auga cunha plantación na Selva Negra

17/03/2010 A Selva Negra e os escolares do CEIP Raíña Fabiola serán os protagonistas da plantación que todos os anos organiza o Concello de Santiago para conmemorar o Día da Árbore e o Día da Auga. Así o anunciou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, na presentación das actividades que se realizarán neste 2010.

Acompañada por Paula Piñeiro, xerente de Aquagest, e por Luis Incera, xerente de CESPA, empresas conces Elvira Cienfuegos recordou que "o día 21 de marzo se celebra o Día Forestal Mundial, unha data instaurada pola FAO en 1973 e que veu dar continuidade e universalidade á celebración do Día da Arbore, unha tradición, que, iniciada en Mondoñedo no século XVI, tíñase estendido por moitas partes do mundo". Engadiu que "o obxectivo é pór de relevo o valor das árbores e dos bosques e estimular actitudes positivas cara elas. As árbores protexen o solo e os ríos, reciclan a auga, limpan o aire e proporciónannos osíxeno. Conforman paisaxes e moderan as variacións climáticas. E dannos madeira, froitos, fibras… Moitas actividades económicas e sociais dependen das árbores".

"O día 22 de Marzo, por decisión da ONU en 1993, celébrase o Día Mundial da Auga, que neste ano 2010 refírese a calidade da auga, necesaria para a conservación de ecosistemas sans e para o benestar humano", apuntou a concelleira. Ademais, avanzou que o acto central da celebración destas dúas datas sinaladas consistirá nunha plantación de árbores, que, se o tempo o permite, se fará o día 25 de marzo, entre as 10:30 e as 13:00 horas, na Selva Negra, na entrada pola Granxa do Xesto".

Selva Negra
A Selva Negra, con auga de fonte e auga de minas, é un exemplo claro de conxunción de árbores e auga. Situada na aba do Monte Pedroso, abrangue 22 hectáreas dunha valgada pública que pasou despois a mans privadas e que no ano 2007 foi adquirida polo Consorcio de Santiago enriquecendo o patrimonio natural da cidade.

A primeira fase da intervención que está a facer a Concellaría do Medio Ambiente na Selva Negra está agora a piques de finalizar. Financiada polo propio Consorcio, tratase dunha intervención para restaurar a carballeira que alí existiu outrora. Retiráronse eucaliptos e acacias, protexéronse os carballos e incorporáronse outras especies autóctonas. A plantación que se vai facer con motivo da celebración do Día da Auga e do Día da Arbore complementará a plantación xa executada incorporando teixos, acivros, sanguiños, ameneiros, bidueiros, estripos.

CEIP Raíña Fabiola
Será o alumnado do CEIP Raíña Fabiola o protagonista da plantación, pero está convidada toda a cidadanía que desexe participar, nomeadamente as familias do alumnado e a veciñanza residente no entorno da Selva Negra. Emularase así o que xa se ten feito no século XVIII, cando a veciñanza de Aríns, Marrozos e do Eixo foron alí plantar carballos, que hoxe se renovan con fillos no contorno da vella plantación.

A imaxe gráfica da campaña deste ano será distribuída polo muppies dos parques e tamén aos Centros educativos acompañados dun tríptico informativo e de marcapáxinas. Ademais, para facilitar a celebración nos propios Centros, facilitaranse dende o propio Departamento árbores para a súa plantación. Tamén se inician visitas guiadas aos parques, para as que xa hai solicitudes de 25 grupos de distintos Centros, todas elas a realizar na primavera.

Compartir: