CONSORCIO

A USC impúxolle a súa Medalla de Ouro ao Consorcio de Santiago

17/03/2010 A USC impúxolle a súa máxima distinción, a Medalla de Ouro da Universidade, ao Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela nun acto que presidiu o reitor Senén Barro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, recolleu esta distinción, que se lle concede a persoas ou entidades que sobresaen dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución universitaria.

No caso do Consorcio compostelán, a Medalla quere subliñar a súa colaboración coa Universidade de Santiago, ben mediante actuacións directamente desenvolvidas ou ben a través de apoio económico, no eido das infraestruturas e da intervención cultural. A imposición significa, segundo o reitor compostelán, un recoñecemento a toda unha vida de compromiso coa USC.

Tal e como se puxo de manifesto no acto, o Consorcio ten mostrado, dende a súa creación en 1992, unha especial sensibilidade coa institución docente compostelá. Este organismo implicouse no desenvolvemento da Casa Europa, do Centro de Estudos Avanzados e do Xardín Botánico. Tamén é salientable o apoio en diversas intervencións para a restauración do Paraninfo da USC e da Igrexa da Universidade ou para a realización de reparacións e melloras no Colexio de San Xerome.

Actualmente, o Consorcio compostelán atópase igualmente implicado na nova sede do Museo de Historia Natural Luis Iglesias, cuxa primeira pedra colocaron a finais do pasado ano ambas institucións na Finca de Vista Alegre.

Outro capítulo no que se ten manifestado unha estreita cooperación é no terreo científico e cultural, a través da edición de publicacións conxuntas, organización de exposicións, ciclos musicais e outras iniciativas como o proxecto Urbe ou o Programa Conciencia. Respecto deste último, tanto o reitor como o presidente do Consorcio coincidiron en salientar a dimensión desta iniciativa por ser un referente en España que está a permitir que Santiago sexa unha "cidade das culturas e do coñecemento" nun senso estrito.

Compartir: