FESTAS

San Lázaro saíra por primeira vez en procesión na Festa da Uña

17/03/2010 Os días 20, 21 e 22 celebrarase no barrio de San Lázaro unha nova edición da tradicional Festa da Uña. Un ano máis poderase degustar este manxar, puxar polas uñas e participar nun intenso programa festivo. A novidade deste ano é que, por primeira vez, San Lázaro sairá en procesión dende a igrexa ata a explanada da festa, a carón do estadio de fútbol.

O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou esta nova edición da Festa da Uña acompañado por Sandra Losada e Mónica Rodríguez, da Asociación Cultural de San Lázaro. O Concello quíxose implicar hai anos na recuperación desta festa, que se celebra sempre o quinto domingo de Cuaresma, e dende entón colabora na súa organización. A festa conta este ano cun orzamento duns 21.000 euros.

Recordou en especial a tradicional poxa das uñas, que en realidade era no pasado unha ofrenda a San Lázaro. Hoxe, esta subasta serve para sufragar os gastos das misas e manter a capela. Na edición anterior, os veciños doaron para ser vendidas 23 lotes de uñas.

A Festa da Uña comezará o sábado 20 de marzo pola tarde, cun campionato de chave e con diversos xogos populares. A nota musical poñeraa a agrupación Biqueira, de Ordes, a partir das 17:00 horas. Xa pola noite, actuación das orquestras Samba e Costa Oeste.

Na xornada do domingo e tras as bombas de palenque, a Charanga Mecánica animará as rúas de San Lázaro. Haberá misas entre as 9:00 e as 13:00 horas. Ás 12:30 horas lerase o pregón, que dará paso á procesión. Por primeira vez, San Lázaro sairá da capela para ir ata o campo da Festa, a carón do estadio de San Lázaro. Alí celebrarase unha misa ás 13:00 horas, co acompañamento musical da Coral de Aríns. Logo o Santo volverá á ermida para recibir a bendición. Ás 14:00 horas actuará a Agrupación Folclórica Colexiata do Sar e despois a orquestra Nebraska.

Este é o día para a degustación das uñas. A un prezo módico de cinco euros poderase comer unha ración que inclúe as propias uñas, chourizo, patacas e bertóns. Os que o prefiran tamén poderán degustar polbo ou churrasco. Pola noite, música coas orquestras Nebraska e Ciclón.

Para pechar a festa, o luns 22, misa ás 11:00 horas. A continuación, a tradicional poxa das uñas e, ás 13:00 horas, actuación da Banda Municipal de Música. A celebración rematará coa sesión nocturna a cargo da orquestra Panorama.

Compartir: