EDUCACIÓN

Educación anima aos pais a matricular os seus fillos no ensino público

16/03/2010 A Concellería de Educación vén de por en marcha unha campaña informativa para dar a coñecer a todos os pais a oferta dos centros de ensino público do municipio. A iniciativa, baixo o lema "Elixe en positivo, ensino público" trata de fomentar a matrícula nuns centros públicos que ofrecen uns altos estándares educativos.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou esta ampla oferta do ensino público en Santiago, acompañada polo director do CEIP de Vite, Xosé A. Pardo, e polo xefe do Departamento de Educación, Xosé M. Rodríguez-Abella. Todos eles destacaron nas súas intervencións as enormes posibilidades que ofrecen os centros públicos da cidade.

Mercedes Rosón animou aos pais a coñecer os centros públicos próximos aos seus domicilios, ben a través doutros pais ou de primeira man. Deste xeito, daranse conta de que no ensino público os seus fillos "medran no ensino público día a día dun xeito agradable, integrador e participativo". Convidou a estes pais a coñecer o profesorado destes centros e todos os servizos que estes colexios ofrecen.

Cara ao novo proceso de matrícula que se pretende incentiva, a concelleira recordou que os prazos de solicitude de admisión do alumnado no 2º ciclo de infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato nos centros públicos estará aberto ata o 6 de abril.

A rede de centros de educación infantil e primaria de Santiago está formada polos seguintes colexios: Apóstolo Santiago, Arquitecto Casas Novoa, Colexiata de Sar, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Roxos Villestro, Vite, Gaioso-Eixo, O Rial-Laraño e O Sisto-Marrozos.

Máis información na Concellería de Educación:
Tel.: 981 554 400
Fax: 981 571 511
dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: