TURISMO

Máis de 150 empresas e servizos da cidade reciben a distinción de calidade turística

15/03/2010 O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) outorgará en Santiago de Compostela máis distintivos de calidade que en ningún outro ano, segundo informou a Mesa de Calidade Turística, presidida polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e responsable da xestión local deste sistema nacional de calidade turística avalado pola Secretaría Xeral de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias.

O acto de entrega das 158 distincións de calidade ao sector turístico compostelán tivo lugar na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Fixeron entrega das distincións Xosé Manuel Iglesias, o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e os presidentes da Asociación Hostelería Compostela, José Antonio Liñares e Jesús Sordo.

2009: Consolidación do proxecto
O listado de empresas que reciben a súa certificación inclúe a 54 comercios, 18 guías turísticos, 25 hoteis, 22 taxis, 16 restaurantes, 7 axencias de viaxe, 4 casas rurais, 2 museos, 3 organizadores de congresos, 2 cafetarías, 1 complexo de saúde, a asociación Compostela Monumental, o Santiago de Compostela Convention Bureau, a oficina de Turismo de Santiago e o Tren Turístico. En total están representados 14 sectores diferentes. Deste xeito certifícase a aposta pola calidade que están facendo na cidado os distintos sectores vinculados co turismo.

De acordo con isto, cúmprense os obxectivos fixados para o 2009 pola Mesa de Calidade Turística, de incrementar o número de empresas e servizos distinguidos. A partir de agora e ata o 15 de maio, ábrese o prazo para todas aqueles estabelecementos que se queiran adherir ao proxecto de calidade turística SICTED.

A Mesa de Calidade compostelá, da que son membros o Concello de Santiago, a Cámara de Comercio, a Asociación de Hostalería de Santiago, a Área de Calidade de Turgalicia, a Asociación de Axencias de Viaxe Españolas de Galicia, Compostela Monumental, Acotés, o Santiago de Compostela Convention Bureau, a Asociación Compostelá de Taxis, a Fundación Santiago Centro, a Asociación de Comerciantes da Rúa de San Pedro e a Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia, aprobou en novembro os informes de evaluación de 158 empresas e profesionais da cidade que decidiron adherirse voluntariamente ao SICTED e obter o seu distintivo, cumprindo numerosos requirimentos en materia de organización, persoal, instalacións e equipamentos, comercialización, satisfacción do cliente, xestión mediambiental e riscos laborais, entre outros.

Compartir: