ALCALDÍA

A entrada de mochilas na Catedral quedará prohibida a partir do 1 de abril

15/03/2010 Celebrouse no Concello a segunda reunión do Órgano de Coordinación Superior do Plan Director de Seguridade do Xacobeo 2010, no que se avaliou a aplicación do dispositivo de seguridade deseñado para os primeiros meses do ano e as previsións de cara á celebración da Semana Santa.

Tras a reunión, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que, dende o 1 de abril, non se poderá entrar con mochilas na Catedral. Esta medida estenderase ata final de ano. Os que desexen entrar no templo poderán facer uso da consigna que se habilitará na Casa do Cabildo, se ben tamén se está plantexando establecer outra en Xoán XXIII, que sería especialmente útil para aquelas persoas que chegan en autobús en viaxes organizados. De non ser suficientes estas dúas, podería crearse outra en San Martiño Pinario, explicou. Será o Cabildo o que fixe a tarifa destas consignas.

Sobre o control do acceso á Catedral, indicou Sánchez Bugallo, será nas xornadas previas, entre o 29 e o 31 de marzo cando, en función dos recontos que se fagan, se determine cal será o número de persoas que se permitirá estar á vez dentro do templo. Así, expresou o seu convencemento de que o estudo que falaba de 1.200 persoas se "queda corto" respecto ás posibilidades reais.

O delegado do Goberno, Antón Louro, explicou tamén o operativo disposto para a Semana Santa, na que o nivel de seguridade pasará de normal a alta. Este nivel activarase o 26 de marzo no caso da Garda Civil e o 28 no caso da Policía Nacional, e prolongarase ata o 12 de abril. Nestas datas, estarán despregados, dixo, 400 efectivos da Policía Nacional en Santiago e outros 3.138 da Garda Civil ao longo dos Camiños. A estes sumaranse os axentes da Policía Local e da Policía Autonómica. Este nivel alto de seguridade será o que se active tamén nos meses de verán e con motivo da visita do Papa.

Balance positivo
Na súa intervención, Antón Louro destacou a "plena sintonía e coordinación entre as catro Administracións: central, autonómica, local e eclesiástica". Tamén cualificou como "plena" a coordinación entre os distintos corpos e forzas de seguridade: Policía Nacional, Garda Civil, Policía Municipal, Policía Autonómica e Protección Civil. Todos eles están traballando, apuntou, para que "a seguridade non sexa algo que nos produza incomodidade". Quixo lanzar unha "mensaxe de tranquilidade" e deixar claro que Santiago é "unha cidade moi segura", así coma o seu convencemento de que así seguirá sendo no 2010 e con posterioridade.

O delegado avaliou positivamente a marcha do Plan Director tras os primeiros meses do ano e tras a celebración dos dous eventos significativos do trimestre: a conmemoración da translación dos restos do Apóstolo e a apertura da Porta Santa, que requiriron un dispositivo especial de seguridade que se superou sen incidentes. Así, Louro insistiu en que se estaban cumprindo os obxectivos previstos e que se baseaban en garantir a liberdade e seguridade cidadá de todos os que tiveran como destino Galicia durante este ano, así coma o mantemento da orde pública en todos os ámbitos relacionados con este acontecemento.

Recordou que dende o 1 de xaneiro tanto Policía Nacional como Garda Civil foron incrementando os seus efectivos de acordo coa planificación establecida no Plan Director. Esta planificación estipula que durante o año haberá tres fases de activación: normal (na que estamos), media e alta e que os efectivos e prioridades se axustan a cada unha desas situacións.

Así, dende xaneiro deste ano, incrementáronse os efectivos de Policía Nacional en Santiago ata os 310 axentes, que intensificaron a súa presenza no casco histórico e, sobre todo, no control dos accesos aos principais recintos monumentais. Este dispositivo está integrado polos 240 funcionarios da Comisaría de Santiago, un grupo permanente da Unidade de Intervención Policial (50 funcionarios), que xunto a 10 funcionarios de Unidades Especiais, eleva o dispositivo da Policía Nacional en Santiago dunha forma notable.

No caso da Garda Civil, o delegado apuntou a intensificación dos controis nas rutas do Camiño de Santiago e da identificación dos peregrinos e visitantes en albergues e noutros lugares de pernoctación. Este Corpo puxo en marcha a Oficina de Seguridade do Xacobeo, que permite unha comunicación e coordinación máis eficiente entre os diferentes postos de mando.

Compartir: