PROMOCIÓN ECONÓMICA

Santiago acollerá en setembro un seminario internacional sobre coidadores familiares

12/03/2010 A cidade acollerá o 16 e 17 de setembro un seminario internacional no que participarán as entidades socias do proxecto europeo Coidadores Familiares, pertencente ao programa Leonardo Da Vinci: Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Caring of Carers de Irlanda, INTEGRA PLUS de Bélxica, ADMR de Francia, Academia de Formación de Eslovaquia, o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación da illa francesa de Córcega, e a Escola de Formación de Italia.

As datas fixáronse no encontro celebrado esta semana na cidade eslovaca de Celje, no que participaron dous representantes da Concellaría de Promoción Económica. Este proxecto ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario que acredite profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa. Unha acreditación profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores. Ademais, esta acreditación axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

Na asemblea tamén se aprobou a carta gráfica do proxecto, que inclúe o logotipo oficial e presentouse a web www.aidantsfamiliaux.com. Nesta páxina, proximamente dispoñible nos cinco idiomas oficiais do proxecto, contextualízase, descríbese e enuméranse os obxectivos de Coidadores Familiares, e ofrécese información de todas as entidades que participan no programa. Tanto esta carta como a web foron deseñadas e desenvolvidas pola Concellería de Promoción Económica, encargada do Plan de Comunicación de Coidadores Familiares. O plan, aprobado nun encontro celebrado en outubro de 2009 na cidade italiana de Catania, contempla, ademais da creación da web, a difusión e transferencia, a nivel local e europeo, das boas prácticas obtidas no proxecto.

A reunión de Celje é a cuarta que se celebra. En principio, as sete entidades integrantes de Axudantes familiares teñen de prazo ata agosto de 2011 para deseñar o protocolo común que sirva de referencia para acreditar profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares. Todas as entidades que participan no proxecto foron seleccionadas pola experiencia e/ou resultados acadados neste eido. A Concellaría de Promoción Económica, que foi convidada a sumarse á iniciativa polo socio principal, o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córcega, formou e está formando a coidadores/as familiares a través do Proxecto Persoa III e do Persoa IV, que se está desenvolvendo actualmente no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela.

Compartir: