CULTURA

Sons da Diversidade acolle a revisión pop da música tradicional galega de Roi Casal

12/03/2010 O que fora durante case unha década arpista de Milladoiro, Roi Casal, revisa e redefine a música tradicional galega no seu primeiro traballo en solitario, Lendas douradas, que presenta o sábado 13 de marzo, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. O concerto enmárcase dentro do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura.

Roi Casal empezou a tocar a arpa aos catorce anos, despois de formarse durante seis como pianista. Con dezanove anos entrou a formar parte do buque insignia da música tradicional galega, Milladoiro, e case dez anos despois decidiu seguir carreira en solitario.

A finais de 2008 editou o seu primeiro álbum, Lendas douradas, baseado nunha instrumentación de sonoridades célticas matizada cun aire de pop comercial. Unha ducia de cancións que mesturan sons que levan en Galicia dende antes da Idade Media, como o da zanfona e o da arpa, con matices pop do século XXI. Un traballo que Roi Casal define como "a interpretación que un cidadán do século XXI fai da música tradicional, da música medieval e da poesía galega".

A calidade das composicións e a perfecta interpretación e posta en escena dos temas caracterizan un concerto no que se fusionan tradición e modernidade. Ademais de revisar a música tradicional galega, en Lendas douradas Casal ponlle música e voz a poemas de Manuel María e de Rosalía de Castro, traéndoos ao século XXI a través dunha instrumentación contemporánea, con algúns arranxos arriscados que se deixan levar polas influenzas do rock e do pop.

Direcciones relacionadas



Compartir: