PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Arredor duns 170 veciños acompañados polo alcalde percorreron o último tramo do Camiño Inglés

13/03/2010 Arrincou a iniciativa Fai o Camiño connosco, coa que a Concellería de Participación Cidadá quere convidar a todos os cidadáns a realizar o Camiño de Santiago neste Ano Santo. Nesta primeira rota participou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañando a membros de preto de 40 colectivos da cidade.

A comitiva partiu ás 9:00 horas da Casa das Asociacións en autobús e comezou o percorrido a pé na ponte do río Tambre, límite entre os concellos de Santiago e Sigüeiro. Fixeron un alto en Ponte Mantible (Salgueiriños) arredor das 13.00 horas, onde o alcalde e os participantes mantiveron un encontro cos medios, para continuar ata a Porta Santa.

Nesta primeira camiñata, que percorreu os últimos quince quilómetros do Camiño Inglés, participaron arredor de 110 membros de mútiples colectivos e asociacións da cidade de todos os ámbitos e 60 cidadáns que se apuntaron a esta iniciativa a título individual. Xuntarónse a este programa a Cámara de Comercio, Mulleres Progresistas pro Igualdade Alba, Rocha Forte, Club Deportivo Fontiñas, Santiagosiete, Cadena SER, Radio Voz, Cope, Asociación de Xubilados, Asociación Síndrome de Down Compostela, TP Santiago, empresarios do Polígono do Tambre, Santiago Centro, Acotés, Asociación Compostelá de Diabéticos, Asociación de Consumidores Galegos, Camiño de Santiago de Bando, empresas como Seguridade A1, Hoteis GH ou Brea Hervés, as asociacións de veciños da Gracia, San Blas, As Cancelas, Meixonfrío, Nemenzo, Rego das Pedras de Marantes, Carballal, Pontesionlla, A Xuntanza, Francisco Asorey, Grixoa, Laraño; Compostela Deporte, Escudería Compostela, Asociación Polígono de Vite, Asociación Salgueiriños, a Asociación de Xogos Tradicionais ou a AMPA da Sionlla.

Esta iniciativa ponse en marcha coa colaboración do Club de Sendeirismo Vía Láctea e no marco do programa Xacobeo 2010, Espazo de Participación, organizado pola Concellería de Participación Cidadá. Neste ano no que todos os camiños conducen a Santiago, ofrécese a posibilidade de realizar cinco rotas de sendeirismo, duns 20 quilómetros cada tramo; tres rotas tradicionais polas etapas galegas dos camiños francés, portugués e de Fisterra; e unha ruta marítima polo mar de Arousa.

Outra das propostas parte de Salceda, polo Camiño francés primitivo do Norte e a terceira ten a súa orixe en Ponte Ulla, neste caso a través da ruta da Prata. O tramo polo Camiño portugués partirá de Padrón e o do Camiño de Fisterra transcorrerá entre Negreira e Santiago.

Camiños tradicionais e ruta por mar
Se a elección son rotas tradicionais, as opcións son tres. Polo Camiño francés, establécese unha rota de cinco etapas dende Sarria (113 km), mentres que polo Camiño portugués sairase de Valença do Miño para chegar a Santiago despois de seis etapas e 109,7 quilómetros. Estas dúas rotas permitirán obter a Compostela. A terceira posibilidade é realizar o Camiño de Fisterra, percorrendo 122 quilómetros dende Santiago a Muxía.

Realizaranse as etapas os sábados. Así, a primeira etapa do Camiño francés realizarase o 20 de marzo, percorrendo o resto do tramo ao ritmo dunha etapa cada sábado. O Camiño portugués comezará o 22 de maio e neste caso farase unha etapa cada dúas semanas. A primeira etapa da última das rotas terá lugar o 11 de setembro, tamén ao ritmo dunha etapa cada dúas semanas.

Finalmente, a rota do Mar de Arousa e Ulla realizarase o 10 de xullo. Sairase en autobús cara O Grove e dende alí partirá unha travesía de tres horas en catamarán con degustacións de mexillóns, empanada e viño nun percorrido de 23 quilómetros ata Pontecesures pola ría de Arousa. Logo continuarase camiñando ata Santiago, facendo paradas culturais polo percorrido.

En autobús ata o punto de partida da etapa
Poden facer estes camiños as asociacións e calquera cidadán interesado na iniciativa. O inicio de cada tramo será o punto de chegada do anterior. A viaxe de ida e volta ata este punto de partida realizarase en autobús, que sairá da Casa das Asociacións. As saídas están previstas para as 9:00 horas e as chegadas sobre as 19:00 horas. O prezo de cada etapa será de cinco euros, agás as da rota do mar de Arousa.

Os interesados poden facer a súa preinscrición persoalmente ou por teléfono na Casa das Asociacións, para posteriormente pagar a tarifa da viaxe na conta bancaria disposta ao efecto. Máis información na Casa das Asociacións, na rúa Manuel Beiras, 3 (antiga estación de Cornes), no teléfono 981 542 350 ou nas seguintes direccións: participacioncidada@santiagodecompostela.gal, faiocaminoconnosco@gmail.com ou vialactea@gmail.com.

Todos estes aspectos aparecen nun folleto, do que se editaron cinco modalidades. Nesta publicación, ademais das instrucións para anotarse nesta iniciativa, ofrécese unha descrición de cada unha das rotas e unha serie de consellos útiles para realizar o Camiño, relativas a cuestións coma o equipamento, a comida, a seguridade ou o clima.

Documentos relacionados



Compartir: