ALCALDÍA

O Concello homenaxeou a oito mulleres exemplares no seu labor en prol dos demais

11/03/2010 Oito mulleres de diversos ámbitos profesionais, pero cunha recoñecida traxectoria social e en prol dos demais, recibiron a homenaxe da cidade nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos. Pechouse así o programa municipal de actividades con motivo do Día Internacional da Muller, celebrado o 8 de marzo.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu esta homenaxe, que cada ano escolle a oito mulleres como pioneiras en diversos ámbitos e como símbolo e recoñecemento a moitas outras. Nesta ocasión, as elixidas foron mulleres cunha ampla bagaxe de traballo social e polos cidadáns.

As homenaxeadas foron: Isabel Gey Pérez, mestra e presidenta da asociación AGADEA; Mª José Fernández Cervera, diplomada en Enfermería e voceira da Plataforma Cidadá Sociosanitaria; Concha Fontenla San Juan, doctora en Historia da Arte Contemporánea e directora da galería Factoría Compostela; Mª del Rosario Fernández Díaz, enfermeira xubilada e ex-xefa de persoal de Enfermería do CHUS, ademais de colaboradora de Vagalume e das Aulas da Terceira Idade; Helena Villar Janeiro, escritora, profesora e directora da Fundación Rosalía de Castro; Concepción Presas Barrosa, catedrática de Dereito Eclesiástico da USC; Pilar Domínguez Noia, matrona xubilada e antiga presidenta da Asociación do Traxe Galego; e Felicia Estevez Salazar, profesora de galego, colaboradora da revista Andaina e activa participante no movemento social da cidade.

A todas elas agradeceulles o alcalde a súa loita e o seu labor para lograr unha efectiva igualdade e un camiño máis doado para as xeracións vindeiras de mulleres. Segundo dixo, o seu labor contribuirá a que estas xeracións vivan nunha esfera de respecto e diversidade, de tolerancia e de paz, superando antigos conceptos, actitudes e comportamentos que están na base da desigualdade existente entre mulleres e homes.

As palabras de Sánchez Bugallo pecharon un acto que abrira a concelleira de Igualdade, Mar Martín, e que foi conducido póla xornalista Marga Pazos. Foi ela a encargada de ler un breve currículo das homenaxeadas e de dar paso á entrega do recoñecemento a cada unha delas. As notas musicais puxéronas Najla Farid e Pablo Seoane.

Documentos relacionados



Compartir: