RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E EDUCACIÓN

Santiago acollerá en maio un grande encontro de cidades europeas

09/03/2010 Este encontro, que coincidirá coa celebración do Día de Europa, é unha das accións que hoxe se perfilaron na cidade italiana de Narni, onde parte dos representantes da delegación de Santiago de Compostela se reuniron cos seus homólogos alí para desenvolver os traballos da axenda fixada no proxecto Santiago-Une, cofinanciado pola Comisión Europea co obxectivo de favorecer a relación entre cidades, o estreitamento de lazos xa iniciados e que coa axuda do proxecto e do programa "Europa para os cidadáns".

Nesta xornada de traballo, na que participaron os concelleiros Andrés Fariña e Mercedes Rosón; o alcalde de Narni, Stefano Bigaroni; e técnicos de ambas cidades, fixouse un calendario de actividades programadas no proxecto para este ano. A primeira actividade do proxecto terá lugar no mes de maio. Unha representación de Narni viaxará a Santiago xunto con representantes de todas as cidades que forman parte do proxecto: Asís, Rennes, Santiago do Cacem, Regensburg, Córdoba e a propia Narni. No acto, que coincidirá co Día de Europa, tamén estarán presentes representantes das cidades europeas irmandadas con Santiago, no que será un grande encontro de cidades irmás que terá lugar dentro dos actos programados para este Ano Santo 2010.

Narni é unha cidade medieval, moi ben conservada, que traballa con Santiago dende o ano 1997 en proxectos europeos, nun principio case todos eles enfocados á rehabilitación do centro histórico como o Pagus e o Magus, cofinanciados polos fondos FEDER; pero que dende o ano pasado, se dirixen tamén a proxectos de educación -especialmente de educación para a paz- centrados nos xoves. Neste sentido, tanto o alcalde de Narni, Stefano Bigaroni, como o concelleiro de Relacións Institucionais referíronse nos seus discursos á importancia da xuventude na construción europea. Fariña apuntou ademais que "Europa, aínda sendo unha, é moi diferente en si mesma polo que é fundamental traballar dende a base, dende a xente máis nova para favorecer a unidade europea".

Educación para a paz
No mes de setembro terá lugar en Narni a principal actividade do proxecto Santiago-Une con esta cidade italiana. O obxectivo é traballar, durante dúas xornadas, con escolares das cidades de Narni, Asís e Santiago nun proxecto de educación para a paz, tendo presente sempre que a construción europea na súa idea inicial se crea co fin de acadar a paz en Europa.

No encontro tamén houbo intercambios entre representantes sectoriais coa presenza de representantes do Campus de Narni da Universidade de Perugia e de Santiago, os presidentes das Cámaras de Comercio de ambas cidades e o encontro que mantivo o presidente da Asociación de Hostalería de Santiago co concelleiro de Cultura e Turismo de Narni. Todos os representantes agradecen aos representantes institucionais que se favorezan este tipo de encontros que fan que se poidan intercambiar experiencias e atopar lugares comúns de traballo para un futuro próximo.

Xa pola tarde estaba previsto que o concelleiro Andrés Fariña fixera unha presentación da cidade no Museo Eroli. Lanzada Calatayud, directora dos Cursos Internacionais da USC, encargará de facer unha presentación sobre a universidade compostelá e o catedrático de Historia Medieval Fernando López Alsina pronunciará unha conferencia sobre Santiago, a cidade e a súa catedral.

Compartir: