IGUALDADE

Unha mesa redonda aborda o papel da muller no desenvolvemento

09/03/2010 Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller (8 de marzo), a Concellería de Benestar Social e Igualdade colabora coa organización non gobernamental Jóvenes y Desarrollo nunha mesa redonda co título Mulleres, protagonistas do desenvolvemento. A cita é este mesmo martes 9, ás 19:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19).

A concelleira de Igualdade, Mar Martín, presentou esta mesa redonda, que pretende ser un impulso ao asociacionismo entre as mulleres e un xeito de dar a coñecer a súa realidade. Neste sentido, lamentou que siga habendo datos como os que indican que o 70% do analfabetismo sófreno mulleres ou que esta porcentaxe chegue ao 73% se falamos de pobreza.

Pola súa parte, a técnica de Proxectos de Educación da Delegación Galicia de Jóvenes y Desarrollo, Cristina Otero, falou do contido da mesa redonda, na que se tratarán as realidades das políticas locais, o asociacionismo entre as mulleres, o papel das mulleres na cooperación para o desenvolvemento e a importancia da educación para unha sociedade en igualdade.

Participarán na sesión Mar Martín, concelleira de Benestar Social e Igualdade; Eva Castaño, presidenta da Asociación de Mulleres Progresistas Alba; Sandra Dacosta, da Asamblea de Cooperación por la Paz, Comisión de Xénero da Coordinadora Galega de ONGD; e Rita Radl, profesora de Socioloxía da Educación na USC.

Ademais, ata o 12 de marzo, no Centro Comercial Área Central, pode visitarse a exposición sobre a realidade das mulleres no mundo, segundo o Obxectivo número 3 da Declaración do Milenio da ONU.

Compartir: