TURISMO

A exposición "Ao pé do lar" poderá visitarse ata o 21 de marzo no Museo do Pobo Galego

08/03/2010 A mostra "Ao pé do lar",enmarcada nas actividades paralelas do Fórum Gastronómico Santiago 2010 como unha homenaxe a dous mil anos de historia de gastronomía galega, amplía en dúas semanas o seu prazo de apertura ao público dada a importante repercusión que está tendo.

A exposición "Ao pé do lar, Memorias da Cociña", promovida por Turismo de Santiago co patrocinio de Galicia Calidade e a colaboración especial da Fundación Caixa Galicia, inaugurouse o 5 de febreiro no Museo do Pobo Galego. En principio, estaba programado que estivese aberta ao público ata o 7 de marzo, pero este prazo ampliarase ata o 21 de marzo, dado o interese que está xerando.

"Ao pé do lar, Memorias da Cociña" ten por obxecto rendir unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega. Entre o 5 e o 21 de febreiro foi visitada por máis de 5.000 persoas, que a través de imaxes, sons, cheiros e sabores, puideron descubrir o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia, cun programa diverso que incluía actividades paralelas á propia exposición, como a de visitas organizadas para colexios, co asesoramento da Fundación Dieta Atlántica da USC. Foron quince colexios os que participaron nesta actividade, cun total de 750 rapaces e rapazas que visitaron a exposición

A mostra contou tamén cun programa de espectáculos nocturnos, "As Noites Contadas". Paula Carballeira, Quico Cadaval, Avelino González e Candido Pazó, foron os encargados de recrear o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume, nunha lareira recreada especificamente para a exposición no propio Museo do Pobo Galego. Todas esta actividades completaron o seu aforo, con 165 asistentes.

"Ao pé do lar" céntrase na cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e, ao mesmo tempo, como un lugar central da cultura galega. No Museo do Pobo Galego pódense ver fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais, que permiten ao visitante pasear pola evolución histórica da gastronomía de Galicia grazas aos retratos de interiores domésticos.

A exposición está comisariada polo xornalista e profesor da USC Manuel Gago, que conta canda el cun equipo de expertos integrado por Soledad Felloza na coordinación de produción, fotografía e didáctica, o historiador Xavier Castro, encargado dos contidos históricos da exposición, Maribel Ruiz de Erenchun na fotografía e Soledad Felloza, na coordinación da produción, fotografía e área didáctica, así como as profesoras Helena Villar e Berta Pérez canda Paula Carballeira no equipo didáctico e os infografistas Silvia Canabal e Juan Castro na recreación 3D de espazos. En conxunto, colaboraron máis de 200 persoas na produción da exposición.

Compartir: