IGUALDADE

Un traballo sobre a transexualidade gaña o I Premio de Ensaio Xohana Torres

08/03/2010 O estudo titulado Transféminas ou como deconstruír o corpo co martelo, de Iria Presedo Martínez fíxose co I Premio de Ensaio Xohana Torres. O nome da gañadora deuse a coñecer nun acto celebrado en Raxoi con motivo do Día Internacional da Muller, ao que acudiron as autoras dos cinco traballos presentados a esta convocatoria.

A concelleira de Igualdade, Mar Martín, foi a encargada de dar a coñecer o nome da gañadora, nun acto no que tamén participou a alcaldesa en funcións, Socorro García Conde. Feito público o nome, Iria Presedo Martínez sentouse con elas para escoitar as palabras da concelleira animando ás investigadoras a seguir presentando os seus traballos e a impulsar este tipo de estudos que "opoñen en valor o traballo das mulleres e sacan á luz o seu labor".

A autora destacou que escolleu este tema da transexualidade por ser un tema "pouco tratado". Abordouno dende o punto de vista da psiquiatría e da "asociación que se fai neste campo aos trastornos da identidade de xénero". O seu traballo pretende denunciar que "se lles trate a estas mulleres como enfermas mentais".

A entrega deste Premio Xohana Torres é o primeiro dos actos organizados polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central celebrarase no Hostal dos Reis Católicos o xoves 11, ás 20.00 horas. Será unha homenaxe a oito mulleres que destacan en diversos ámbitos da sociedade.

Compartir: